O circuíto municipal "Vigo a Escena" achega este domingo o teatro á veciñanza de Cabral
A veciñanza de Cabral poderá gozar esta fin de semana coa programación de teatro do "Vigo a escena", organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo. O domingo 21 de novembro, Títeres en Acción representará a obra dirixida a un público familiar "Trastos vellos" na AVV Santa Mariña de Cabral.
"Dende a Concellería de Cultura queremos achegar as manifestacións culturais a todos os barrios e as parroquias de Vigo", salientou Xesus López, quen subliña que o programa "Vigo a escena" é unha boa mostra deste obxectivo, xa que esta fin de semana o teatro chegará a Cabral. Nas instalacións da AVV Santa Mariña, a compañía Títeres en Acción representará "Trastos vellos" ás 18.30 horas. Dirixida a un público familiar, a historia céntrase nas aventuras de Choliño, Maripili, Marti e Ficus, que unen as súas forzas para evitar que os humanos limpen o vello fallado no que conviven.