Escoitar

O alcalde e César Portela presentaron o proxecto executivo do Auditorio aprobado este luns polo goberno

A Xunta de Goberno Local deu hoxe luns o seu visto bo ao proxecto executivo do Auditorio, un texto que finaliza cos trámites burocráticos e da luz verde á cimentación "de forma inmediata" do edificio. O alcalde, Abel Caballero, e o arquitecto, César Portela, mostráronse satisfeitos polo resultado dun Auditorio cunha gran sala para 1.500 espectadores.

luns, 13 out 2008
1223902913P1010013.JPG
O alcalde e César Portela nun encontro anterior na Alcaldía
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o arquitecto, César Portela, presentaron este luns en rolda de prensa o proxecto executivo do Auditorio, aprobado hoxe luns polo goberno local, finalizando así cos trámites burocráticos e dando luz verde á cimentación no solar.

Tanto Abel Caballero como César Portela se mostraron satisfeitos do resultado do Auditorio, que abarca 50.000 metros cadrados de superficie e un orzamento próximo aos 80 millóns de euros. "Hoxe é un día de ledicia para a cidade", explicou o arquitecto, quen afirmou estar "moitísimo máis animado" agora que ao comezo do proxecto, xa que este se adaptou "sen que perdera imaxe nin calidade", sen afectar aos espazos públicos nin aos materiais empregados.

O alcalde salientou que o Auditorio mantén a súa categoría e as partes públicas intactas: a gran sala con capacidade para 1.500 persoas, a sala anexa con elementos móbiles para albergar calquera uso e as tres prazas públicas.

O Auditorio inicia "unha nova etapa" na cidade, "con catro arquitectos de talla mundial" traballando en Vigo, subliñou o alcalde: Portela no Auditorio e no aeroporto de Vigo, Nouvel no Porto, Mayne na nova estación intermodal de Urzáiz e Moneo no entorno da Praza do Rei.

César Portela, pola súa banda, agradeceu o apoio do alcalde e do Concello no Auditorio e afirmou que "a obra está moito máis adiantada do que alí parece", pois xa se están a preparar "elementos prefabricados", unha labor previa que agora "non se ve" no solar de Casa Mar.
Descargar todas as imaxes