Escoitar

Máis de 70 stands participarán no IFEVI na primeira feira de liquidacións de stocks do comercio vigués<br />

O IFEVI acollerá os días 18 e 19 de outubro "Stockaxe", a primeira feira de liquicacións de stocks do comercio vigués, segundo anunciou este venres o tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez. "É unha boa forma de axudar ao comercios nestes momentos de crise, e paliar os efectos dunha temporada de verán regular tirando a mala", salientou o tenente de alcalde na presentación do evento, na que tamén participou a presidenta da Federación do Comercio de Vigo (FECOVI), Encarna Álvarez.

venres, 10 out 2008
1223642155feirastok.jpg
Santi Domínguez explicou que se a Tenencia de Alcaldía de Vigo e a Concellería de Comercio apostaron pola celebración deste evento é porque todas as asociacións de comerciantes coas que se ten reunido o solicitaron dende un primeiro momento. "É unha boa maneira de amosar o pequeno e mediano comercio vigués e que a cidadanía se familiarice con el", sinalou o nacionalista, quen indicou así mesmo que nesta primeira convocatoria de feira superáronse todas as expectativas de participación por parte dos comerciantes, de xeito que no IFEVI poderán visitarse máis de setenta stands os días 18 e 19 de outubro en horario continuado de 10 a 22 horas.

Ademais de amosar produtos de máis de 150 marcas dos sectores máis variados, como roupa, zapatos, complementos, mobles ou produtos informáticos, "Stockaxe" tamén acollerá diversas actividades paralelas, polo que o tenente de alcalde animou aos vigueses e viguesas a "subir ao IFEVI en familia e disfrutar da programación organizada", na que non faltarán as actividades dirixidas aos nenos e ás nenas, cun servizo de gardería con piscina de bolas, paracaídas xigante e distintos obradoiros ao longo da fin de semana como chapas, maquillaxe e globoflexia. Zancudos e malabaristas animarán a feira e completarán o ambente festivo.

A presidenta de FECOVI, pola súa banda, cualificou a iniciativa de "moi ilusionante" e manifestou que contar co apoio da Concellería de Comercio cando se presentan proxectos e ideas "é unha satisfacción". Ademais, Encarna Álvarez recoñeceu que, nunha época de crise como a actual, o comercio tradicional vigués séntese "protexido pola Concellería de Comercio". Na súa intervención destacou que na feira será posible dedicar un día ás compras de produtos variados, que terán uns prezos "moi competitivos". Para facilitar o desprazamento das familias ao IFEVI, "Stockaxe" ofrecerá un servizo de menú familiar no autoservizo do IFEVI a un prezo de 8 euros para adultos e 4 euros para nenos e nenas. O prezo da entrada á feira será de 1 euro para adultos, mentres que os menores de 12 anos terán entrada gratuíta.
Descargar todas as imaxes