Escoitar

O Consorcio do Casco Vello investirá 220.000 euros na mellora do entramado viario do barrio histórico vigués

O presidente do Consorcio do Casco Vello e tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, anunciou este xoves que ata final de ano o Consorcio investira un total de 220.000 euros no desenvolvemento de obras de mellora no entramado viario do barrio histórico vigués. Domínguez realizou este anuncio tras unha reunión celebrada no Centro Cívico do Casco Vello na que participaron todos os colectivos e empresas que na actualidade realizan actuacións nesta zona, que ten como obxectivo coordinar os diversos traballos que se están a levar a cabo.

xoves, 9 out 2008
1223557687cascovello2.jpg
"A xuntanza mantida hoxe é unha práctica que será habitual a partir de agora unha vez ao mes", adiantou Santi Domínguez, quen subliñou que é necesario que as accións que se están desenvolvendo "estean absolutamente coordinadas". Na xuntanza, ademais do tenente de alcalde, participaron representantes da empresa encargada da limpeza das fachadas, do curso de formación de coidadores de barrio, da asociación de veciños, dos comerciantes, o xerente, a arquitecta e outros técnicos do Consorcio do Casco Vello, e da empresa que porá en marcha a actuación nas rúas e prazas do Casco Vello.

Ao respecto, o presidente do Consorcio indicou que esta actuación consistirá nas obras de mellora do pavimento, adecentamento de beirarrúas, enlosado, reparación de muros, e adoquinado, entre outras actuacións, en 35 rúas e prazas do Casco Vello. Ata final de ano investiranse nestas obras un orzamento de 220.000 euros e os viais no que se vai a actuar inclúe a praza da Princesa, a rúa Joaquín Yáñez, a rúa da Ballesta, a rúa da Palma, a rúa Real, a praza do Peñasco, a praza do Berbés, a rúa Poboadores, a rúa San Francisco, a rúa de San Marta, a rúa Peixe, a praza dos Pescadores, a rúa do Bote, a rúa dos Perigos, a rúa de San Xulián, a rúa Alta, a rúa de San Vicente, a rúa de Méndez Núñez, a praza da Pedra, a rúa Cárcere Vella, a rúa da Oliva, a rúa de San Bernardo, a rúa do Xuanelo, a Baixada Á Fonte, a rúa da Laxe, a Travesía do Cónsul, a rúa Gamboa, a rúa Fermín Penzol, a praza da Constitución, a rúa dos Cesteiros, a rúa dos Sombrereiros e a rúa Abeleira Menéndez.

Por outra banda, o tenente de alcalde sinalou que na actualidade estase traballando para pechar os orzamentos municipais, que respecto ao Casco Vello adiantou que "haberá un investimento importante", próximo aos tres millóns de euros. Neste sentido tamén indicou que en fase similar se atopan os orzamentos do Consorcio do Casco Vello, participado ao 90% pola Consellería de Vivenda e ao 10% polo Concello, que experimentarán tamén un incremento respecto aos do ano pasdado.

Como exemplo do traballo que se está a desenvolver na revitalización do Casco Vello, Santi Domínguez salientou que a partir do vindeiro mes de febreiro estarán en obras de rehabilitación 65 novas vivendas. Indicou que na actualidade hai xa 44 edificios mercados polo Consorcio, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros. Explicou que hai tamén un "importante número" de edificios rehabilitados grazas ás axudas concedidas a particulares para obras en fachadas, interiores ou locais comercias. En canto á demolición de edificios, o tenente de alcalde sinalou que ademais dos edificios da praza do Berbés nos que se está a levar a cabo esta actuación, hai outro na mesma zona no que a demolición será inminente e catro que se atopan na fase da expropiación e que se atopan no ámbito desde o que sairá a solución mecánica de conexión entre a parte baixa e alta do Casco Vello.

Respecto á conexión transversal da parte baixa e a parte alta do Casco Vello, o presidente do Consorcio explicou que actualmente está pechazo o prazo de propostas do concurso de ideas convocado, de xeito que nun prazo dun mes será posible adxudicar o premio e poder anunciar o proxecto.

"Aínda que con cautela, podemos dicir que desta vai", salientou Santi Domínguez en referenza á revitalización do Casco Vello, quen destacou así mesmo que para levar as diversas actuacións no barrio estase a contar con todos os colectivos afectados. "Xa se nota que a xente está empezando a deixar de ser escéptica coa recuperación do noso barrio histórico", destacou o nacionalista.
1223557687cascovello2.jpg
1223557690cascovello2.jpg
Descargar todas as imaxes