Escoitar

O alcalde participa en Milán no foro internacional "Cidades Competitivas e Cambio Climático"

Abel Caballero viaxa mañá xoves á cidade italiana para participar ata o próximo venres na Conferencia Internacional "Cidades Competitivas e Cambio Climático", un foro organizado pola Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OECD), que debatirá sobre a sustentabilidade local sen perder competitividade nin calidade de vida. <br />

mércores, 8 out 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participa mañá xoves e o venres na Conferencia Internacional "Cidades Competitivas e Cambio Climático", un foro organizado pola Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OECD) na cidade italiana de Milán.

Alí se discutirá, segundo explicou hoxe mércores o alcalde en rolda de prensa, o procedemento das cidades para facer fronte ao cambio climático e manter ao tempo a competitividade internacional e a calidade de vida dos seus habitantes.

Abel Caballero avanzou que trasladará aos asistentes cuestións concretas de Vigo, en calidade de alcalde da cidade, e tamén do ámbito urbano estatal, como presidente da Rede Española de Cidades polo Clima.

O alcalde citou a algúns dos participantes que o acompañarán no foro, como son a ministra de Fomento de España, o responsable de medioambiente de Boston, o responsable de enerxía de Austrialia, o presidente do Consello Internacional de Iniciativas Medioambientais Locais (ICLEI), o ministro de medioambiente e recursos hídricos de Hungría, a ministra de medioambiente italiana, o viceprimeiro ministro da República Checa, e o primeiro ministro da historia moderna de Romanía.

Participarán ademais as alcaldías de Toronto , de Stuttgart, de Paris, de Viena, de Lisboa, de Estambul, de Milán, de Oporto e de Atenas, ademais da de Vigo.