Escoitar

Máis dun milleiro de barcos encherán a ría con motivo da celebración da Semana do Atlántico 2008 de vela

Do 10 de outubro ao 2 de novembro a Ría de Vigo acollerá a Semana do Atlántico 2008, na que a vela é a principal protagonista. En total, máis dun milleiro de barcos procedentes de diversos lugares do mundo navegarán pola ría viguesa, de xeito que a cidade volverá a ser o punto de referenza a nivel internacional da vela lixeira, segundo salientaron este martes o tenente de alcalde, Santi Domínguez e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.

martes, 7 out 2008
1223383311semanatlantico.jpg
"Dende hai nove anos, cando os organizadores da Semana do Atlántico me presentaron o proxecto no meu despacho de concelleiro de Deportes, esta iniciativa tense convertido nun clarísimo referente no mundo náutico no ámbito internacional", lembrou o nacionalista Santi Domínguez, quen felicitou aos organizadores pola consolidación do proxecto "do que todos estamos orgullosos". Na súa intervención, o tenente de alcalde salientou tamén a importancia da educación nos valores deportivos, posto que considerou que é o xeito de ter "moito gañado no futuro".

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, manifestou que se trata dunha proba deportiva "moi importante", e boa mostra delo é, ao seu xuizo, o feito de que concita a colaboración e o apoio dun amplo abano de institucións, públicas e privadas. "Ao igual que noutras edicións, a Semana do Atlántico 2008 volverá a acadar un total éxito", asegurou o edil do BNG.

O encontro escolar entre as comunidades de Cataluña e Galicia, a participación das cofradías de pescadores de toda Galicia, así como a ampla participación de diferentes expedicións de regatistas, ademais das galega, catalá, balear, vasca, andaluza, cántabra e canaria, entre as que destacan as de Portugal, Francia, Inglaterra, Italia, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Suiza, Bélxica, Noruega, Estados Unidos e Brasil, son algúns dos pratos fortes desta convocatoria.
Descargar todas as imaxes