Escoitar

A nova estación de Urzaiz levará a sinatura "dun dos arquitectos máis notables do mundo"

O alcalde non desvelou o nome do arquitecto que deseñará a futura estación intermodal de Urzáiz e adiantou que será o mércores cando se faga pública a identidade do prestixioso Premio Pritzker, galardón coñecido como o Nobel da arquitectura. Abel Caballero avanzou asemade que a próxima semana se presentará o proxecto de entrada en túnel da Alta Velocidade á cidade. <br />

luns, 6 out 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, adiantou este luns que a nova estación intermodal de Urzáiz, prevista para 2012, levará a rúbrica dun arquitecto galardoado co Premio Pritzker, coñecido como o Nobel da arquitectura. Aínda que emprazou para o mércores o nome, o rexedor avanzou que se trata "dun dos arquitectos máis notables do mundo", escollido conxuntamente entre catro candidatos pola empresa Vialia e o Concello de Vigo.

Abel Caballero afirmou asemade que o próximo luns se fará público o proxecto de entrada soterrada da Alta Velocidade a Vigo, a chegada á estación de Urzáiz dos túneles ferroviarios.

O alcalde quixo así ratificar a "velocidade de cruceiro" da que goza a Alta Velocidade viguesa, coa saída sur incluída nos orzamentos xerais do Estado para 2009 e o compromiso de que o traxecto Vigo-Madrid directo por Cerdedo estará rematado no ano 2012 porque está "na vontade política dos catro dirixentes que están levando adiante" o proxecto: os presidentes do Goberno de España e da Xunta de Galicia, a ministra de Fomento e o propio rexedor municipal.

Abel Caballero explicou que 2009 verá a aprobación do estudo de impacto medioambiental e o proxecto construtivo, polo que as partidas orzamentarias destinadas polo Estado para a obra son consideradas suficientes polo alcalde pois non hai posibilidade de gastar "nin un euro máis" xa que "non o permitiría a lei", declarou.

O mandatario vigués fixo estas declaracións en rolda de prensa tras reunirse coa sección de ferrocarrís do sindicato UGT. Estes plantexaron ao alcalde, segundo indicou o mesmo Abel Caballero, que os talleres de RENFE permanezan en Porriño ou en Redondela, algo que definirá Fomento e co que o rexedor mostrouse de acordo.

UGT e o alcalde mostraron tamén o seu acordo na necesidade de que as vías da Alta Velocidade sexan empregadas ademais para a rede de cercarías, "algo que sempre mantiven", subliñou Abel Caballero, e un elemento de transporte e importancia estratéxico.

Por último, o sindicato plantexou unha variante ao trazado da Alta Velocidade na saída de Pontevedra que aforraría 9 quilómetros de traxecto e investimento. O alcalde trasladará a proposta ao Ministerio xa que "non suporía ningún atraso" nos prazos e contribuiría a acurtar a viaxe e diminuír custes.