Escoitar

Vigo lidera a colaboración co Fondo de Cooperación Internacional cunha achega de 64.000 euros

O Concello de Vigo lidera a colaboración que manteñen as distintas cidades galegas co Fondo de Cooperación Internacional, segundo afirmaron este luns a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o presidente do propio Fondo, Alfredo Novoa, durante o acto de sinatura dun convenio de colaboración. En virtude deste convenio, a Concellería de Benestar Social fai unha achega de 64.000 euros para o desenvolvemento de diversos proxectos de cooperación.<br />

luns, 6 out 2008
1223297959fondocooperacion.jpg
Segundo salientou a concelleira nacionalista, dos 64.000 euros que aporta Benestar Social, 60.000 euros destinaranse á rehabilitación de quince vivendas en Nicaragua, concretamente no municipio de Togocalpa. "Trátase dunha localidade de 11.000 habitantes onde a enfermidade de chapas fai estragos entre a poboación", explicou María Méndez, quen precisou que esta doenza está directamente relacionada coas escasas condicións hixiénicas e sanitarias que alí existen. "Deste xeito, queremos mellorar a habitabilidade desta poboación, e en particular beneficiaranse con esta actuación 1.174 persoas", indicou.

En segundo lugar, da achega de Benestar Social, 2.000 euros empregaranse no financiamento dunha visita a Mozambique, que ten o obxectivo de diagnosticar a zona na que se quere desenvolver un proxecto de cooperación. Finalmente, os 2.000 euros restantes investiranse na sensibilización local, na que o ocupa un lugar fundamental o traballo nos centos de ensino, en especial nos de segundo ciclo.

A concelleira de Benestar Social sinalou que a aposta do Concello de Vigo tamén pasa pola reactivación do Consello Municipal de Cooperación, creado na cidade no ano 1998, pero sen convocar dende o 2002, segundo precisou María Méndez. "Para acadar a reactivación foi preciso elaborar uns novos estatutos, que neste momento están en fase de alegación", sinalou a edil do BNG, quen sinalou que coa activación deste Consello se quere potenciar a colaboración coas ONG's adicadas á cooperación internacional e impulsar a sensibilización na cidade. Así mesmo, lembrou que dende Alcaldía tamén se manifestou o compromiso de incrementar a participación orzamentaria nos proxectos de cooperación internacional.

O presidente do Fondo de Cooperación Internacional, Alfredo Novoa, subliñou así mesmo que Vigo está "a cabeza das cidades galegas" en canto á cooperación en proxectos internacionais. "Temos avanzado notablemente grazas a achega que fai Vigo", destacou Novoa, quen explicou que o Fondo "trata de facer xustiza nos países menos desenvolvidos", posto que, segundo indicou, a situación de Nicaragua "é moito máis deficiente que os nosos barrios máis deprimidos".

Vigo forma parte do Fondo de Cooperación Internacional dende o ano 1998 e asinou o primeiro convenio de colaboración no ano 2001 para desenvolver proxectos coas municipalidades dos países do sur.
Descargar todas as imaxes