Escoitar

Iolanda Veloso anuncia que a nova oferta formativa de Igualdade para asociacións veciñais chega aos homes

A oferta formativa que desenvolverán as vogalías da muller das asociacións veciñais de Vigo incluirá tamén un cursos dirixido a homes e mulleres, segundo anunciou este mércores a concelleira de Igualdade, a nacionalista Iolanda Veloso. Segundo a edil do BNG, o departamento que dirixe quere "dar un paso máis" no traballo que se leva a cabo para acadar a igualdade real entre homes e mulleres.<br />

mércores, 8 out 2008
1223468330curosigualdade.jpg
Iolanda Veloso lembrou que as vogalías de muller das asociacións veciñais contan cunha ampla traxectoria de traballo en contra da violencia de xénero e a prol da igualdade de oportunidades para as mulleres, pero que nesta nova edición do programa "queremos dar un paso máis adaptándoo ás novas demandas do movemento de mulleres", sinalou a concelleira nacionalista. Así, os cambios introducidos consisten en ofrecer por primeira vez un módulo en formación en igualdade dirixido tanto a homes como a mulleres. Ademais, só as asociacións que finalicen esta primeira fase poderán optar á segunda, que está dirixida exclusimente a mulleres, e inclúe os cursos de habilidades e tempo libre.

A primeira fase do programa, a referida á igualdade de oportunidades, está integrada por un curso de doce horas dirixido a homes e a mulleres maiores de idade e inscritos e inscritas polas asociacións e vogalías de muller. Cunha metodoloxía dinámica e participativa trataranse aspectos como a conciliación, a achega das mulleres á historia, a corresponsabilidade doméstica, os roles e estereotipos de xénero, a linguaxe sexista e a violencia de xénero, entre outros.

A segunda fase, pola súa banda, está dirixida ás asociacións que rematen o módulo anterior, que poderán elixir para impartir nos seus respectivos locais entre materias diversas como bricolaxe, técnicas de relaxación, comunicación, dietética, masaxe, risoterapia, afectividade e sexualidade, informática, teatro, reciclaxe, fotografía, pilates, ioga ou cestería, entre outros. Os cursos deste segundo módulo están dirixidos a mulleres maiores de idade, inscritas polas asociacións e as vogalías de muller.

A concelleira de Igualdade explicou que outra novidade desta nova oferta formativa consiste na maior flexibilidade que teñen este ano as distintas asociacións no que atinxe á distribución do tempo, de xeito que poden impartir os cursos entre o presente mes de outubro e o mes de xuño do 2009. "Ademais de servir para ofrecer distintas actividades para o tempo de lecer e potenciar o traballo a prol da igualdade, este programa tamén quere cumprir o obxectivo de potenciar as vogalías de muller das distintas asociacións", subliñou a edil do BNG. Iolanda Veloso indicou ademais, que na edición correspondente ao ano 2007 participaron no programa un total de 53 asociacións, polo que amosou a súa confianza de que nesta nova convocatoria participen "polo menos as mesmas".

Descargar todas as imaxes