Escoitar

Profesionais internacionais se citan en Vigo no II Congreso de Tradución

Os días 15, 16 e 17 de outubro celebrarase no Centro Social Caixanova o II Congreso Internacional "Tradución e Políticas Editoriais", organizado por catro docentes do Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. O evento reunirá a expertos nacionais e internacionais que intercambiarán experiencias sobre a complexidade da tradución editorial.

luns, 13 out 2008
1223902052congreso.JPG
O concelleiro de Xestión Municipal, Carlos L. Font, presentou este luns o II Congreso Internacional "Tradución e Políticas Editoriais", acompañado por tres das docentes organizadoras, Ana Luna, Silvia Montero e Liliana Valado, do Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Tal e como explicaron as súas organizadoras, o Congreso se celebrará os días 15, 16 e 17 de outubro no Centro Social Caixanova, e terá coma obxectivos principais proporcionar un espazo de encontro para o estudo e a reflexión sobre a complexidade do fenómeno da tradución editorial, tanto desde a perspectiva do proceso coma do produto.

Coa segunda edición deste evento, a organización pretende favorecer o intercambio de experiencias entre os investigadores, que chegarán a Vigo tanto nacionais coma estranxeiros, e os diferentes axentes que interactúan no proceso e no produto definitivo que se presenta ao público consumidor.

As sesións plenarias correrán a cargo dos axentes especialistas da materia, que tamén participarán en mesas de traballo onde se porá en común as experiencias de xestión da política editorial dos diferentes ámbitos autonómicos do Estado español, así como dos procedentes doutros espazos xeográficos.

Dentro deste marco, as organizadoras explicaron que as tres xornadas xirarán sobre outros tantos eixos temáticos: a administración -políticas de actuación, a tradución como ferramenta de normalización e a proxección exterior-, a asociación de editores/escritores -impacto e cumprimento da lexislación na materia- e os colexios/asociacións profesionais de tradutores -función e deontoloxía-.

Este segundo Congreso da continuidade á primeira edición do mesmo, celebrado en novembro de 2004. Segundo explicou a organización, a anterior centrouse case en exclusiva na literatura, e estas novas xornadas inclúen calquera tipo de texto, desde técnicos á lingua de signos.

Os próximos días 15, 16 e 17 de outubro se darán cita no Congreso representantes do Ministerio de Cultura, da Generalitat catalana e da Xunta de Galicia, un investigador da UNESCO, así como estudosos procedentes, por exemplo, da Universidade estadounidense de Massachusetts.

O edil Carlos L. Font agradeceu a organización en Vigo dun Congreso "de alto nivel" e desexou o éxito do evento e que a terceira edición se celebre pronto na cidade.
Descargar todas as imaxes