Escoitar

<br /> Normalización Lingüística, Educación e Universidade asinan un convenio para informar á cidadanía sobre o ensino bilingüe <br />

As concelleiras de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, e de Educación, Laura López Atrio, e o vicerreitor de Relacións Insitucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, asinaron este xoves un convenio de colaboración para iniciar en setembro unha campaña de información sobre o ensino bilingüe en Galiza. "Está en vigor un decreto sobre o uso do galego e o español e queremos achegar información á comunidade educativa e á cidadanía en xeral sobre o seu contido e o seu desenvolvemento", explicaron as concelleiras do goberno local.

xoves, 26 xuñ 2008
1214484932normalizacion.jpg
"É un traballo que compre facer para que todo o mundo teña coñecemento do decreto e de como se aplica", salientou a responsable de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, quen sinalou que existen outros lugares no mundo nos que se desenvolve "con gran éxito" o ensino en diversas linguas. Iolanda Veloso asegurou que para calquera rapaz ou rapaza que estude en Galiza "sempre será unha vantaxe que o faga nas dúas linguas". Para a concelleira do BNG, "o que non é normal é o contrario".

A concelleira de Educación, na mesma liña, salientou a importancia do convenio para "facilitar información" sobre o convenio e a súa aplicación. "Estamos dacordo na necesidade de dar información sobre este tema, porque o que non se entende é o rexeitamento e o desprezo á propia lingua", subliñou a concelleira do PsdeG, quen manifestou o seu desexo de que ao facilitar información "axeitada" desapareza o problema que existe nalgún ámbito da sociedade coa aplicación do decreto. "Como profesora de lingua galega esta cuestión non pode ser nengunha dificultade para a aprendizaxe, nen tan sequera para os que veñen de fóra", indicou a concelleira de Educación do Concello de Vigo.

"Dende a Universidade sempre é un pracer traballar coas institucións que nos rodean", sinalou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Ao seu xuízo é unha "vantaxe competitiva do noso país" o ensino desenvolto polo menos en dúas linguas. "Co convenio pretendemos explicar as vantaxes do ensino plurilingüe", subliñou e engadíu que a Universidade seguirá apostando polo plurilingüismo "ata chegar a unha situación de normalidade" na que un tercio do ensino sexa en galego, outro tercio en castelán e outro tercio en inglés. Nesta liña manifestouse Enrique Costas, director da área de Normalización Lingüística da Universidade viguesa, quen ademais sinalou que na web webs.uvigo.es/plurilinguismo explicaranse os resultados da aplicación do plurilingüismo en países como Finlandia e Islandia, onde o ensino se realiza en varias linguas e os índices que se obteñen son "moi bos". No Estado español mencionou o caso do Val de Arán, onde os nenos e nenas estudan en catro linguas, (castelán, catalán, occitano e inglés, maioritariamente), e o índice de fracaso escolar "é cero".

"Para falar do decreto é preciso lelo e comparalo con outros similares, como os de Baleares ou Valencia", subliñou Costas, quen asegurou que a normativa galega non difire especialmente do que sinalan outras. Segundo o director da área de Normalización Lingüística da Universidade viguesa, o decreto di que a súa aplicación debe garantir que os rapaces e rapazas rematen o seu período escolar sabendo falar e escribir con fluidez en galego e en castelán, "algo que na actualidade non acontece".
Descargar todas as imaxes