Escoitar

Igualdade activa un novo marcador dixital en Príncipe que lembra ás mulleres mortas pola violencia de xénero

Un novo marcador dixital dotado cun panel solar inaugurado hoxe pola concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, na confluencia das rúas Ronda de Don Bosco e Príncipe, co obxectivo de "lembrar ás mulleres asasinadas por violencia de xénero", que no que vai de ano xa son 28. A edil explicou que este novo contador substitúe ao anterior, instalado nese mesmo punto o pasado mes de novembro, e que "en breve" será trasladado á lonxa do Concello.

mércores, 25 xuñ 2008
1214397203marcadordixital250608.jpg
"Con esta iniciativa, dende a Concellería de Igualdade queremos facer visible este grave problema en dous puntos estra-téxicos da cidade, polos que pasan miles de persoas ao día", subliñou Iolanda Veloso. O marcador indica o número de mulleres asasinadas en España a mans da súa parella ou ex parella e actualízase cada vez que o Ministerio de Igualdad confirma un novo caso. Así, para realizar o seguimento das mulleres asasinadas, segundo a concelleira nacionalista, a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo mantén un "permanente contacto con este ministerio". "En canto se confirma que unha determinada morte se trata dun caso de violencia contra as mulleres, actualízase o marcador, non antes", salientou.

A concelleira de Igualdade sinalou que o número de mulleres asasinadas pola súa parella ou ex parella no que vai de ano ascende a 28, segundo os datos aportados polo Ministerio de Igualdad, mentres que no ano 2007 foron un total de 71 as mulleres asasinadas, das que oito eran galegas. "Temos que concienciar a toda a sociedade, a homes e mulleres, da magnitude deste problema", subliñou Iolanda Veloso, quen indicou que xaneiro e febreiro foron os meses nos que se produciron máis vítimas, con sete mulleres asasinadas en xaneiro e outras sete en febreiro. Pola súa parte, en marzo rexistráronse catro vítimas, en abril tres, en maio outras tres e neste mes, en xuño, contabilizáronse catro mulleres asasinadas. Respecto a Galicia, unha muller de 61 anos foi asasinada o pasado mes de xaneiro pola súa parella na localidade de Cangas. Ademais, a Concellería de Igualdade realiza un seguimento dos casos que se atopan en investigación, que na actualidade son catro en diferentes puntos do Estado.

Iolanda Veloso salientou que dende Igualdade se pretende trasladar á rúa, mediante diferentes accións, unhas cifras que habitualmente se consideran alleas. "Temos que concienciar á poboación de que este é un problema que afecta a persoas concretas, a mulleres con nomes e apelidos", indicou. Neste sentido salientou a instalación deste novo marcador dixital, nun lugar estratéxico da cidade e o traslado do anterior á Lonxa do Concello, tamén un punto de referencia. Ademais, mencionou as diferentes actuacións que se desenvolven no marco da campaña "Na violencia de xénero non hai tregua", entre as que figura a edición e distribución de 10.000 dípticos informativos, de forma periódica.

Por outra banda, a concelleira do BNG explicou que no que vai de ano celebraronse arredor de 200 xuízos rápidos no xulgado especial de Violencia sobre a Muller, polo que a media sitúase en máis dun caso xulgado ao día. Ademais o xulgado vigués abríu neste tempo case 500 dilixencias previas por denuncias de malos tratos. Este xulgado especializado en Violencia de Xénero, que funciona dende xaneiro de 2007, é o primeiro que comezou a funcionar en Galicia, e o seu cometido consiste en resolver os casos de malos tratos que se producen no Partido Xudicial de Vigo e Redondela.


Descargar todas as imaxes