Escoitar

Vigo celebra 6 anos de ramplas mecánicas na Gran Vía

O alcalde achegouse ata o cruce de Gran Vía coa rúa Venezuela para celebrar o éxito das ramplas mecánicas con máis de 2,5 millóns de usos ao ano. “Somos a cidade con máis medios mecánicos de mobilidade”, afirmou. O Goberno local completará o percorrido en toda a Gran Vía co itinerario entre Praza de América e Praza de España.

luns, 23 mar 2026

Abel Caballero fixo balance do funcionamento das ramplas mecánicas da Gran Vía coincidindo co aniversario da súa posta en marcha e destacou que se teñen convertido nun dos principais eixos de mobilidade da cidade, con 2,5 millóns de usos ao ano. O rexedor subliñou o “extraordinario nivel de funcionamento” desta infraestrutura, integrada no modelo de mobilidade vertical que caracteriza a Vigo e que permite salvar grandes desniveis urbanos mediante sistemas mecánicos.

“As ramplas xa forman parte da cidade”, afirmou, destacando que esta transformación supón “o gran avance” na forma de entender a mobilidade urbana en Vigo. Caballero lembrou que hai apenas oito anos este percorrido era practicamente inasumible a pé debido á pendente, superior ao 11%, mentres que agora se pode realizar con facilidade grazas ás ramplas, convertendo unha vía complexa nun itinerario accesible.

O Concello traballa xa para completar o corredor con novas ramplas mecánicas entre a Praza de América e a Praza de España, que segundo avanzou o alcalde, “en breve” colocará a simbólica primeira pedra que dá comezo á obra.

O alcalde destacou tamén o interese que este modelo espertou noutras cidades, con visitas institucionais e responsables públicos que “non daban crédito” ao funcionamento do sistema. Segundo indicou, Vigo está a “marcar tendencia” co sistema de mobilidade a través de elementos mecánicos.

Por último, Caballero puxo en valor que todo este proceso de transformación urbana se está a desenvolver “sen un céntimo de débeda”, grazas á boa situación económica municipal, o que permitirá seguir ampliando as ramplas e mellorando a mobilidade na cidade.

Descargar todas as imaxes