Escoitar

O Pleno esixe á Xunta que asuma a xestión dos comedores, aulas matinais e extraescolares

O Pleno Municipal deste luns aprobou a moción socialista que demanda tamén a recuperación do programa de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio.

luns, 27 out 2025

Cos votos favorables do grupo municipal socialista e do grupo municipal de BNG e co rexeitamento dos populares, o Concello de Vigo aprobou a moción na que se insta á Xunta de Galicia a que se responsabilice da xestión dos servizos educativos complementarios como o comedor, as aulas matinais e as actividades extraescolares. Amais, o texto esixe ao Goberno autonómico que recupere nos Orzamentos de 2026 o programa de gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado en escolaridade obrigatoria.

A edil de Educación, Olga Alonso, aludiu na sesión plenaria á obriga da Administración galega na xestión destes servizos complementarios e rexeitou o anuncio realizado por Alfonso Rueda de axudas ás familias que non superen a renda anual de 6.000 euros. Son “axudas de 100 ou 150 euros anuais” non mensuais.

Datos cribados cancro

No Pleno de novembro quedou aprobada a moción do grupo municipal socialista que insta á Xunta de Galicia a que remita ao Ministerio de Sanidade os datos actualizados dos programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix, de acordo cos protocolos e prazos establecidos polo Sistema Nacional de Saúde. Amais, o texto solicita ao Ministerio de Sanidade que informe periodicamente ás corporacións locais galegas sobre o grao de cumprimento desta obriga de remisión de datos por parte da Xunta. distintos tipos de cancro. Foi aprobada polo PSOE e o BNG co voto en contra do PP.

Facultade de Medicina

Amais, cos votos favorables do PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, saíu adiante este luns a moción socialista que reproba a actitude da Xunta de Galicia, e nomeadamente do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, por rexeitar que Vigo conte cunha Facultade de Medicina. Tal e como recolle o texto, o conselleiro declarou que “un grao descentralizado é suficiente”, nunha “aposta clara por unha facultade única de Medicina”.

Descargar todas as imaxes