venres, 11 marzo 2011

O alcalde ofrece o apoio municipal e estatal aos procesos de I+D+i nas empresas de automoción de Vigo

Abel Caballero visitou este venres a factoría viguesa de Aludec Ibérica, que fabrica os emblemas de marcas como Rolls Royce ou Porsche, entre outras, e emprega a 250 persoas, o 60% mulleres. O alcalde ofreceu o respaldo institucional do Concello e do Goberno de España para os procesos de I+D+i que implemente a industria da automoción e subliñou que, en liñas xerais, este ámbito económico na cidade "está a aguantar a crise francamente ben".

Caballero di que a licitación por 11 millóns do acondicionamento da pista abunda na "cascada de inversións continuas no aeroporto de Vigo"

venres, 11 mar 2011

O alcalde saudou hoxe venres a publicación no Boletín Oficial do Estado da licitación por parte do Ministerio de Fomento para a contratación do acondicionamento da pista de aterrizaxe de Peinador -que será adaptada á normativa de máxima calidade- por valor de 11 millóns de euros, un "aluvión de inversións" no aeroporto ao que "xa lle perdimos a conta". Caballero ensalzou o orzamento, equiparable á construción de 15 quilómetros de autovías.

Santi Domínguez anuncia que 16 edificios participarán nun proxecto da UE para acadar o 20% de aforro enerxético

venres, 11 mar 2011

O tenente de alcalde e presidente da Axencia Municipal da Enerxía, Santi Domínguez, anunciou este venres que 16 edificios públicos do Concello e a Universidade de Vigo, entre os que se atopan museos e instalacións deportivas, participarán no proxecto europeo Life Green City para potenciar o uso eficiente da enerxía. O nacionalista destacou que esta iniciativa ten o obxectivo "moi claro" de acadar un 20% de aforro no consumo enerxético e a redución do 10% nas emisións contaminantes.

A Orquestra Xovigo protagoniza mañá sábado a estrea mundial de "Adagio para orquestra", do galego Fernando Buide

venres, 11 mar 2011

A Orquestra Xovigo, impulsada pola Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Cultura e a Asociación Galega da Música para potenciar aos novos valores musicais vigueses, comezará este fin de semana a súa andaina coa estrea mundial da obra "Adagio para Orquestra", do compositor galego Fernando Buide. Os concertos terán lugar mañá e o domingo, ás 20.30 horas, no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

O Festival de Habaneras celebra a súa segunda xornada coa actuación de cinco corais polifónicas da cidade

venres, 11 mar 2011

Tras a boa acollida de público na primeira xornada, o Instituto Feiral de Vigo volve acoller este domingo a actuación de cinco corais polifónicas dentro do Festival de Habaneras Cidade de Vigo, organizado pola Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (ACOPOVI) e a Alcaldía de Vigo. O domingo 13 marzo está programada a presenza das corais da AACC Agarimo, SCD Nautilius de Comesaña, Perla do Atlántico de Alcabre, Alborada de Cabral e María Auxiliadora.

Xabier Alonso felicita a Laura Llópiz, campioa do Mundo co Náutico, polo seu recoñecemento nos Premios Nacionais de Vela

venres, 11 mar 2011

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu hoxe á regatista viguesa Laura Llópiz, que o pasado venres recolleu en Madrid unha placa na gala de entrega dos Premios Nacionais de Vela. O nacionalista felicitouna polos éxitos acadados e o recoñecemento federativo, animándoa tamén a seguir compaxinando a competición cos estudos no INEF.

A praza "8 de marzo" acollerá o domingo a actividade central do programa do Día Internacional da Muller

venres, 11 mar 2011

O domingo 13 celebrarase na praza 8 de marzo varios actos conmemorativos do Día Internacional da Muller. De xeito ininterrompido de 11:30 a 20:30 horas desenvolverase unha completa programación que persegue a participación activa das persoas que asistan. O público poderá contribuír, coas súas mensaxes, á elaboración dun mural e colaborar na lectura de textos seleccionados relativos á situación da muller. Ademais, dende ás 12 horas haberá obradoiros infantís, que incluirán contacontos, xogos creativos e reparto de agasallos.<br /> <br />