mércores, 23 decembro 2009

O tenente de alcalde anuncia a apertura hoxe dun centro de emerxencia temporal de frío no pavillón do Berbés

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciaron este mércores que ás 22 horas de hoxe mércores abrirá no pavillón do Berbés un centro de emerxencia provisorio con 30 prazas. Santi Domínguez subliñou que ante a existencia de persoas sen teito que en Vigo están a durmir na rúa, a Xunta "mira para outro lado" e despilfarra os cartos públicos por "cabezonería política", mentres que con esta iniciativa a Tenencia de Alcaldía e a concellería de Benestar "non miramos para outro lado e cumprimos coa nosa responsabilidade política".

A pista de xeo estará instalada na explanada do Náutico do 24 de decembro ao 20 de xaneiro

mércores, 23 dec 2009

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este mércores que a pista de xeo estará instalada na explanada do Náutico dende o xoves, 24 de decembro, ao 20 de xaneiro. Na súa presentación, salientou que se enmarca dentro das actividades organizadas polo Concello de Vigo no Nadal que "xa é un clásico" e que este ano foi posible grazas a Gadis, empresa sen a que sería "moi complicado que a cidade tivera pista de xeo".

Xabier Alonso anima a participar na carreira popular e solidaria San Silvestre que se celebrará o día 31 en Castrelos

mércores, 23 dec 2009

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixo hoxe un chamamento a participar na carreira popular San Silvestre, que se celebrará o vindeiro 31 de decembro no parque de Castrelos a partir das 17 horas. Na presentación da proba o concelleiro resaltou a combinación de deporte e solidariedade da carreira, xa que os corredores deberán doar alimentos non perecedeiros a modo de inscrición que posteriormente serán entrados á asociación Afán.

O alcalde agradeceu aos funcionarios municipais o seu esforzo durante o 2009

mércores, 23 dec 2009

Abel Caballero presidiu este mércores o tradicional viño de Nadal co persoal do Concello de Vigo, en representación da Corporación presente. Xunto á felicitación das festas e os bos desexos para o 2010, o alcalde quixo resaltar "en nome da cidadanía" o esforzo realizado polos funcionarios durante este ano e fixo fincapé na especial participación do persoal municipal no progreso acadado pola cidade durante este 2009.