Escoitar

Xesus López salienta que MoveVigo Nadal 2009 amplía o seu programa a 95 actividades para chegar a 26 barrios da cidade

O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou este martes que o programa MoveVigo Nadal 2009 organizado pola Federación Veciñal Eduardo Chao amplía ata 95 o seu número de actividades para chegar a un total de 26 barrios e parroquias. Na presentación do programa, na que tamén participou o responsable de Cultura da Federación Veciñal, Xosé Couñago, o edil afirmou que "do que se trata é de achegar a cultura a toda a cidadanía".

martes, 22 dec 2009
1261490635movevigonadal09.jpg
"Este programa nos fará algo máis felices, tanto aos nenos e nenas como aos maiores", destacou Xesus López. Na súa intervención, o concelleiro de Cultura felicitou á Federación Veciñal "polo fácil que é traballar con eles e conxugar a súa programación coa propia do Concello". Por outra banda, salientou que o apoio que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura se presta á Federación Veciñal se enmarca na "aposta do BNG pola cultura de base".

O responsable de Cultura da Federación Veciñal, Xosé Couñago, explicou que a programación, que se desenvolverá ata o 6 de xaneiro, inclúe talleres propios de Nadal, obradoiros infantís, festivais de panxoliñas, visitas dos carteiros reais aos barrios e parroquias e seis cabalgatas organizadas en seis parroquias diferentes. "Temos todo un mundo de actividades de Nadal enfocado ás familias", asegurou. Asemade, agradeceu á Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Cultura polo seu apoio e a súa aposta pola "dinamización cultural".

As actividades previstas para mañá, 23 de decembro, inclúen obradoiros na lufoteca de Nadal da AVSCD "O Freixo" en horario de mañá e tarde, a visita de Papá Noel á AVCD de Lavadores ás 18.30 horas e a actuación do grupo "Os Trasnos da Gaita" e "Lume de Candela" no CVC de Valadares a partir das 20 horas. A programación completa de MoveVigo Nadal 2009 pode consultarse na páxina web www.movevigo.com así como nos programas de man distribuidos polas diferentes asociacións veciñais dos barrios e parroquias.
Descargar todas as imaxes