Escoitar

O Servizo de Asesoramento a Emprendedores do Concello impulsa un proxecto de intercambio de prazas de aparcamento

Os edís Santos Héctor e Xulio Calviño acompañaron este luns na presentación de hoxeaparco.com ao director técnico da empresa, David García, emprendedor apoiado e impulsado polo Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Concellería de Promoción Económica e Emprego. O proxecto procura a cesión de prazas de aparcamento privadas entre usuarios durante unhas horas determinadas, encaminado principalmente aos horarios laborais.

luns, 21 dec 2009
1261402868hoxeaparco1.JPG
Os concelleiros de Promoción Económica, Santos Héctor, e de Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, presentaron este luns co director técnico, David García, a iniciativa hoxeaparco.com, impulsada polo Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), que procura o intercambio de prazas de aparcamento privadas entre particulares.

García, quen cualificou a iniciativa de "solución viable e imaxinativa" ao problema do aparcamento, agradeceu o "asesoramento e o apoio" do SAE para a posta en marcha do proxecto, que cruza nunha páxina web as demandas e ofertas dos particulares con praza privada inscritos en hoxeaparco.com.

Os usuarios poden darse de alta tanto na páxina web como nun teléfono de contacto, indicando a súa oferta de praza, a zona e os horarios que precisa. O servizo ten un custe de 100 euros anual, non debidos ao aluguer da praza senón aos gastos de xestión. O director técnico asegurou que, unha vez chegado ao acordo, asínase un contrato que ofrece garantías ás partes, xa que solicítase o seguro obligatorio do vehículo, por exemplo. A empresa conta asemade con asesores xurídicos.

Segundo indicou o propio David García, este servizo -que nace dun proxecto piloto executado en 2006- conta con "moita demanda" e xa suma 390 persoas en espera. A zona centro da cidade é a máis demandada. García tamén avanzou que estudan a posibilidade de xestionar tamén prazas de aparcamento en superficie.

O concelleiro de Transporte e Mobilidade, Xulio Calviño, mostrou o seu "apoio" a iniciativas como esta que ofrecen "solucións imaxinativas" e optimizan o "ben escaso" do aparcamento. Calviño agarda o "éxito" da proposta.

O edil de Promoción Económica e Emprego, o tamén socialista Santos Héctor, calificou este como "un proxecto maduro dun emprendedor persistente", que personaliza as características da maioría das persoas que acuden ao SAE, indicou o concelleiro, xente nova con ideas innovadoras e persistente.
Descargar todas as imaxes

Máis información