Escoitar

Xesus López subliña a reflexión sobre a alteración da paisaxe da obra gañadora das bolsas Feima-Fundación Laxeiro

O concelleiro de Cultura, o nacionalista Xesus López, salientou este xoves a reflexión sobre a alteración da paisaxe natural que caracteriza ao proxecto gañador das bolsas Feima- Fundación Laxeiro á creación artística. O proxecto da artista Belén Uriel, titulado "Full View", pode visitarse dende mañá, 16 de maio, ata o 7 de setembro na propia Fundación Laxeiro.

xoves, 15 mai 2008
1210852948laxeiro.jpg
Xesus López, na súa intervención, agradeceu á Fundación Feima a convocatoria destas bolsas porque permiten "a promoción de xoves valores galegos ou residentes en Galiza". En canto ao proxecto gañador, o concelleiro de Cultura sinalou que nos convidar a reflexionar sobre a incidencia da acción humana na alteración da paisaxe natural, que a xuízo do edil do BNG "case sempre se sustenta no interese especulativo duns poucos a costa da degradación, en moitos casos irreparábel, dun patrimonio que nos pertence a todos e todas".

Segundo o concelleiro de Cultura, obras como as de Belén Uriel, que amosan unha urbanización de vivendas unifamiliares sen rematar no municipio coruñés de Pantín, permitirán "ter moi en conta os nefastos resultados dunha época na que existíu carta branca para accións deste tipo". Ademais Xesus López considera que posibilitará avanzar nunha acción de control legal e social para que "construcción e paisaxe vaian da man e conseguir un urbanismo racional e respectuoso co medio ambiente".

As bolsas Feima- Fundación Laxeiro á creación artística correspondentes ao 2007 recibiron un total de 31 proxectos. O premio para o gañador consiste en 3.000 euros, 2.000 euros en concepto de compra da obra, 3.000 euros para produción de obra para a exposición, inclusión da mostra na programación da Fundación Laxeiro en Vigo e da Fundación Feima en Madrid e a edición dun catálogo na que non só se recolle a obra exposta, senón a produción anterior do artista gañador, que segundo indicou o director da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, "está en proceso de elaboración, para poder recoller imaxes da propia montaxe que se inaugura mañá".
Descargar todas as imaxes