Escoitar

O Marco convida á cidadanía a participar na Festa do Día Internacional do Museos

O concelleiro de Cultura, Xesús López e o director do Marco, Iñaki López Antelo, presentaron hoxe xoves a programación especial que levará a cabo o Museo de Arte Contemporáneo os días 16,17 e 18 de maio con motivo do Día Internacional do Museos que este ano desenvolvese baixo o lema "Os museos como axentes do cambio social". No mesmo acto presentouse a programación do Marco para os meses de maio a agosto deste ano.

xoves, 15 mai 2008
1210848989imagendim.jpg
Proyecto 'Plástico/frontera', de Ramona Rodríguez
Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) convida aos museos do mundo enteiro a celebrar o 18 de maio o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte.

Para cada edición, o ICOM elixe un lema que permite ter un elemento común de referencia, reflexión e inspiración para celebrar este día e organizar actividades. O slogan elixido para o ano 2008 é "Os museos como axentes do cambio social", subliñando a importancia dos museos como parte activa na evolución da sociedade, e a necesidade de manter o compromiso de convertir a cultura nun nexo integrador que establezca diálogos entre os individuos e as sociedades.

Unha vez máis, o MARCO súmase a esta celebración e invita a toda a cidadanía a participar nesta Festa DIM 2008, a través de actividades que fomentan a participación cidadá, a integración social e o desenvolvemento.

O programa inclúe un proxecto de creación colectiva para público infantil e adulto, obradoiros de animación para familias, experiencias artísticas por Internet na Biblioteca, debuxantes de animación traballando en directo, visitas guiadas ás exposicións, unha mesa informativa da Agrupación de Amigos, ciclos de vídeo, e o concerto de clausura do ciclo Música para plantas, entre outras actividades.


AS ACTIVIDADES

‘Plástico/fronteira’
Taller de creación colectiva para todos os públicos


Dirección: Ramona Rodríguez, coa colaboración de distintos colectivos sociais
Sábado 17 e domingo 18
Zona peonil en torno ao MARCO
De 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

‘Plástico/fronteira’ é un proxecto de Ramona Rodríguez baseado na idea do intercambio e a interacción. Pretende servir de ponte entre a arte contemporánea e as problemáticas sociais, promovendo estratexias que visualicen o labor dos colectivos sociais e que contribúan ao fortalecemento das redes cidadás e á consolidación do entramado social. A experiencia consiste en debuxarse uns aos outros sobre un lenzo de plástico que xoga coa idea de espello e de fronteira visible/invisible, invitando a participar, a confrontar miradas, a colaborar nun proxecto que procura a integración e o respecto á diferenza. A obra artística é creada polo público, e complétase coa realización de entrevistas aos participantes. A acción iníciase coa participación de colectivos de Vigo —Asociación de Amigos de Venezuela, Asociación de Amigos del Uruguay, Asociación Africana AIDA, Asociación Multicultural de Mujeres, Asociación Viguesa ENTRE BARRIOS, Asociación Galego_Brasileira ABRIGA, Asociación de Peruanos en Galicia, Asociación de Madres Latinas, Asociación Cultural para las Migraciones Colombianas— e está aberto á participación de todo o público en xeral, tanto infantil como adulto.


‘Un DIM-DIM animado’
Obradoiros para familias, nenos/as a partir de 3 anos sós ou acompañados de adultos

Venres 16, sábado 17 e domingo 18
Laboratorio das Artes (1º andar)
Venres de 18.00 a 20.00; sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00

No taller de didáctica do primeiro andar ofrécense diversas actividades para público infantil e adultos acompañantes. Tendo en conta que neste trimestre a programación didáctica xira ao redor da animación como ámbito de creación artística, como actividade complementaria da exposición XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN, as actividades destes días continúan nesta liña, pero fomentando de xeito especial a idea de creación colectiva. Debuxos lineais sobre un encerado, ou fotografías con xestos e actitudes dos propios participantes realizadas no espazo do taller, son a base dos vídeos de animación creados entre os asistentes ás sesións de cada día. Paralelamente, gozaremos coa creación de personaxes móbiles e de taumatropos que teñan como lema a celebración da Festa DIM.

‘O Diario de Berto’
Debuxantes de animación traballando en directo

DEBOURA Deseños Animados, coa participación dos debuxantes Pablo Álvarez Rosendo, Carlos León Sacha, Eva Martínez Villar e Isaac Sucasas Juncal
Sábado 17 e domingo 18
Vestíbulo principal
De 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

No vestíbulo do MARCO, o equipo de animación da produtora ‘Deboura Deseños Animados’ amosa o traballo que a diario desempeñan os seus integrantes. Así, o público poderá gozar en vivo da animación máis tradicional, a que se crea fotograma a fotograma e que se compón, exclusivamente, de debuxos feitos a man. A actividade compleméntase con explicacións dun dos membros máis experimentados do equipo, e cun vídeo no que se resume, dun xeito accesible a todos os públicos, o complexo proceso da animación na súa totalidade.

O proxecto escollido para esta ocasión é a serie para TV na que a produtora está a traballar actualmente e que leva por título "O Diario de Berto". Moi vinculado ao lema DIM deste ano, o personaxe de Berto invita aos máis pequenos a reflexionar sobre temas relacionados coa convivencia nunha sociedade urbana e moderna, subliñando a importancia da cooperación e a solidariedade fronte ao individualismo egoísta.

‘Webs con moita arte’
Experiencias de creación a través de Internet, para nenos/as de 3 a 12 anos acompañados de adultos

Sábado 17 e domingo 18
Biblioteca/Centro de Documentación (1º andar)
De 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 19.30

Pinta como Jackson Pollock, aprende a debuxar con letras, crea adhesivos animados, pensa nos significados das cores, constrúe figuras, xoga a preguntas e respostas, coñece os tres mundos máxicos, busca as caras máis disparatadas, monta crebacabezas... nesta especial selección de webs creativas e interactivas que o persoal da Biblioteca preparou para diversión e aprendizaxe de nenos e adultos nesta Festa DIM.

‘Animacións e Paraísos’
Visitas guiadas ás exposicións

Venres 16, sábado 17 e domingo 18
Salas de exposición da planta baixa e do 1º andar
Venres ás 12.00 e ás 18.00; sábado e domingo ás 12.30 e ás 18.30

Guías especializados achegarán ao público o contido das exposicións colectivas que nestas datas ocupan as salas do MARCO: XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN na planta baixa, e PARAÍSOS INDÓMITOS no primeiro andar. A primeira é unha historia da animación na súa vertente artística, que reúne máis de sesenta obras de imaxes en movemento, dende os anos vinte ata os nosos días. A segunda ten como tema central a relación do ser humano coa natureza. Vinte artistas de diversas procedencias exploran a súa relación coa terra na que habitan, operando con diferentes puntos de vista, dende a visión romántica á testemuña documental, dende a concepción utópica ao activismo en defensa do medio natural.

Mesa informativa da Agrupación de Amigos do MARCO
Información sobre obxectivos e actividades da Agrupación

Sábado 17 e domingo 18
Vestíbulo principal
De 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

A presidenta da Agrupación de Amigos do MARCO, Daniela Sarraíno, acompañada de persoal voluntario, estará a disposición do público para informar sobre os obxectivos e actividades desta asociación. Continuando coa iniciativa posta en marcha en 2007 pola FEAM (Federación Española de Amigos de Museos), os visitantes recibirán como agasallo unha pulseira de tea co enderezo web dos Amigos dos Museos, que foron entregadas tamén en varios centros de ensino da cidade.

'Unha estaca na lama, un foxo na cinta’. O campo expandido do Land Art, 1968–2008’
Ciclo de vídeo
Comisariado por: Latitudes | www.LTTDS.org

Venres 16
Lugar: salón de actos
Horario: ás 20.00

Última sesión do ciclo de vídeo sobre Land Art que, tomando prestado o seu título dos escritos de Robert Smithson, presenta unha selección de imaxes en movemento que forman parte da memoria histórica do Land Art, acompañadas de producións de artistas contemporáneos. Un itinerario fílmico que vai dende as cloacas de Nova York e Viena aos desertos de California, as montañas do País Vasco ou as paradisíacas praias de Taveuni.

‘Historias de aquí’
Ciclo de vídeo de animación en España
Selección: Juan Antonio Álvarez Reyes

Sábado 17 e domingo 18
Lugar: salón de actos
Horario: en continuidade, de 11.00 a 21.00

Un ciclo de vídeo sobre animación en España, complementario da mostra XEOPOLÍTICAS DA ANIMACIÓN, con selección de traballos dos seguintes artistas: Manu Arregui, Vicente Blanco, Ingrid Buchwald, Antón Cabaleiro, Segundo de Chomón, David Cívico, Carles Congost, Ruth Gómez, Sofía Jack, Juande Jarillo, Mario Marquerie & Alicia Martín, Jordi Moragues, Txuspo Poyo, Fernando Renes, Francesc Ruiz, Diego Santomé, Juan Zamora.

Música para plantas
Concerto de clausura

Ensemble-s21. Jorge Montes (violín) e Carlos García Amigo (violoncello)

Venres 16 de maio, ás 21.00
Salas de exposición do primeiro andar

O venres 16 de maio finaliza o ciclo de concertos ‘Música para plantas’, que se iniciara o 7 de marzo no invernadoiro do artista Peter Coffin , da exposición PARAÍSOS INDÓMITOS. Nesta ocasión, preséntase un concerto de violín e violoncello a cargo de Jorge Montes e Carlos García Amigo, baixo a dirección artística de Paco Yánez, cun programa que inclúe obras de Canco López, Peter Eötvös, Wladimir Rosinskij, György Ligeti e John Cage, entre as que non faltará unha Versión para ensemble de plantas.


1210848989imagendim.jpg
1210849096programacionmaiomarco.jpg
Descargar todas as imaxes