Escoitar

O Verbum celebra o venres o seu quinto aniversario cun espectáculo de danza e entrada gratuíta durante toda a semana

O Verbum - Casa das Palabras cumpre xa cinco anos da súa apertura, e para celebralo acollerá o venres, 25 de abril ás 20 horas, un espectáculo de danza inspirado nas tradicións galegas, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Cultura, Xesus López. Ademais, a entrada será gratuíta durante toda a semana, ata o 27 de abril e ao longo do ano desenvolveranse diversas exposicións temporais que queren transmitir "de forma clara e contundente" cal é o espírito do Verbum, "un centro expositivo adicado á palabra como concepto amplo, como elemento de expresión, de transmisión e de creación, como elemento patrimonial e, en definitiva, como sinal da nosa cultura".<br />

martes, 22 abr 2008
1208870670aniversarioverbum.jpg
Xesus López salientou que as exposicións temporais e as actividades programadas para os vindeiros meses súmanse á exposición permanente que acolle o Verbum, organizada en 29 cubos e desenvolvida en 83 módulos nos que se tratan os temas dos que trata o museo, "sempre ao redor da comunicación humana". Neste sentido, o concelleiro de Cultura sinalou que boa parte da programación xirará en torno á divulgación da tradición oral, achegando ao visitante á propia historia e servindo como reforzo da memoria. Ademais o Verbum acollerá mostras relacionadas coa literatura, dende presentacións de libros a conferencias, entre outras actividades, e tamén acollerá a novos creadores que utilicen a palabra como elemento de expresión e que traballen as verbas dende diferentes disciplinas. Pero como as palabras ás veces non son suficientes, "a música e a danza tamén serán protagonistas no museo".

En canto as exposicións temporais organizadas, a primeira delas xa pode visitarse no museo. Trátase da mostra "O Himno. Os tempos son chegados", que conmemora o centenario da primeira interpretación do himno galego o 20 de decembro de 1907 na Habana. Pode visitarse ata o vindeiro domingo, 27 de abril. A seguinte exposición prevista, "O Vieiro da Franqueira", céntrase na ruta de peregrinación ao Santuario da Franqueira e amosará os seus recursos naturais, etnográficos e a
arquitectura popular, entre outros aspectos. Poderá visitarse do 13 ao 25 de maio. Xa de cara ao verán está prevista a montaxe de "Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós", unha exposición que reconstrúe as mobilizacións estudantís en Santiago de Compostela durante o curso 1967/68, encadradas na loita antifranquista.

En canto as actividades, ademais do espectáculo de danza que terá lugar o venres 25 de abril a partir das 20 horas, con motivo do Día Internacional da Danza, o 29 de abril ás 19 horas, representaranse varias pezas curtas en diferentes espazos do museo. Trátase, segundo indicou o concelleiro de Cultura, "de reivindicar a danza como unha disciplina de todos e para todos, de achegarnos a ela dende unha perspectiva aberta, cercana, integradora e divertida e de entendela como forma de expresión daquilo que levamos dentro".

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, organízase unha actividade dirixida a escolares en forma de xincana literaria coa fin de achegalos á figura de Xosé María Álvarez Blázquez que terá lugar os días 29 e 30 de abril; e 6, 8 e 9 de maio. Xa o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 10 a 19 horas, farase unha lectura pública e gravada das obras de Álvarez Blázquez. Para escolares tamén está dirixida a iniciativa "O ladrón de palabras", que terá lugar os días 22, 23, 29 e 30 de maio. É unha actividade baseada na creación de caligramas a partir do conto "O ladrón de palabras", de Anxo Fariña. O día 6 de xuño está prevista a emisión dende o museo da XIV edición do programa "Ponte...nas ondas", e pola noite terá lugar un concerto noaparcadoiro exterior do Verbum no que Luar na Lubre serán os protagonistas. O día seguinte, 7 de xuño, será unha xornada adicada á realización de graffitis a partir de letras e palabras ao aire libre.

Finalmente, desenvolverase un apartado específico de obradoiros e actividades de fin de semana, dirixidos especialmente ao público infantil e familiar. Baixo o título de "Falemos de poesía" xa se están a desenvolver diversas actividades didácticas sobre este xénero literario, a través das obras de tres importantespoetas da literatura galega no século XIX, pertencentes ao Rexurdimento, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal. Esta iniciativa está dirixida a nenos e familias a partir de 5 anos e a seguinte cita é o domingo 27 de abril, de 12 a 13:30 horas. No laboratorio de escoita e experimentación sonora, dirixido a nenos de 8 a 12 anos os sábados 3, 10, 24 e 31 de maio, a organización tratará de que os rapaces experimenten por eles mesmos os principais procesos creativos que acontecen no mundo sonoro e a súa interrelación práctica con outros proxectos semellantes noutros eidos artísticos. Os domingos 4, 11, 18 e 25 de maio, de 12 a 13:30 horas desenvolverase o proxecto didáctico "A Linguaxe das flores", dirixido a nenos a partir dos 5 anos, no que se invitará a coñecer o fermoso mundo das flores, xa que cada flor é capaz de transmitir unha mensaxe ou un sentimento. Finalmente os domingos 1, 8, 15 e 22 de xuño, de 12 a 13:30 horas, os nenos a partir dos 5 anos poderán disfrutar cos Barballocas, catro personaxes que dedican a súa vida a defender e a potenciar o uso da lingua galega.
Descargar todas as imaxes