Escoitar

Benestar Social destina 400.000 euros ás axudas municipais para material escolar e comedor

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este luns a aprobación na Xunta de Goberno Local dun investimento de 400.000 euros nas axudas municipais para material escolar, libros e comedor. Segundo explicou a concelleira, estas subvencións teñen o obxectivo de "mellorar a situación de benestar das familias con maior necesidade económica". Do total do orzamento, 370.000 euros destinaranse ás axudas a comedor, mentres que os 30.000 euros restantes irán ás axudas de libros e material escolar.

luns, 21 abr 2008
1208771703libros.jpg
"Posto que os libros son gratuítos en boa parte do ciclos educativos, só damos axudas neste concepto na segunda etapa de Educación Infantil, e o resto dos cartos que se viñan destinando a libros o derivamos aos comedores escolares", salientou María Méndez. Indicou ademais que as axudas poderán solicitarse entre o 23 de abril e o 8 de maio nas Unidades Básicas de Acción Social do Casco Vello, Coia, Lavadores, Teis, Travesía e na propia Casa do Concello en horario de 9 a 13.30 horas. Para libros concederanse 75 euros por alumno ou alumna, mentres que para comedor a subvención será de 41 euros mensuais por alumno ou alumna como máximo, tanto se están matriculados nos colexios públicos como concertados, pero sempre e cando a renda per cápita mensual da unidade familiar non sexa superior aos 325 euros.

María Méndez, na súa intervención, deu conta das axudas concedidas no curso 2007-2008, no que 594 alumnos e alumnas solicitaron as axudas para libros e material escolar e das que se concederon 389. Respecto as axudas para comedor, un total de 1.506 alumnos e alumnas solicitaron a subvención, das que foron concedidas 1.100. Segundo explicou a edil nacionalista, as solicitudes denegadas non se outorgaron por superar os ingresos estipulados nas bases ou por incumprir algún dos requisitos do programa.

"Dende a Concellería de Benestar Social esperamos que estas axudas servan para acadar unha situación de benestar nas familias con maiores carencias económicas", subliñou.
Descargar todas as imaxes