Escoitar

O Concello contratará un servizo urxente de reparacións para vías e obras

A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, avanzou que unha única empresa se encargará das reparacións no termo municipal, o que axilizará as reformas. A contratación será por dous anos, conta cun orzamento de preto de 3 millóns de euros, e estará lista "en mes, mes e medio". Este servizo urxente de reparacións actuará "como o 061, pero en Vías e Obras", salientou a concelleira.

martes, 22 abr 2008
1208869014isaura.jpg
"En mes, mes e medio" estará adxudicado o prego de condicións que permitirá que unha única empresa se faga cargo das reparacións a acometer no termo municipal de Vigo.

A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, salientou que este servizo permitirá axilizar os arranxos na cidade, para o que o Concello de Vigo destinará preto de 3 millóns de euros nos dous anos que durará o servizo. Actualmente é preciso a contratación externa para actuacións puntuais, co conseguinte retraso adminitrativo.

O obxectivo é que as obras de reparación das averías se acometan con celeridade, actuando "como o 061, pero en Vías e Obras", comparaba a concelleira. Deste xeito se axilizarán estas actuacións. Abelairas salientou que o Concello de A Coruña mostrou o seu interese neste proxecto e xa solicitou ao goberno local o prego de condicións.

Balance das actuacións acometidas
A concelleira de Vías e Obras fixo balance das actuacións levadas a cabo na Área Municipal de Servizos Xerais en matemento e mellora da vía pública, melloras que se centraron especialmente nos barrios e parroquias da cidade.

Para reformar a rede de saneamento e abastecemento da cidade, o Concello conta cun Plan de actuacións por valor de 1,8 millóns de euros, que prevé solventar os problemas derivados da recollida de augas pluvias. Entre outras actuacións, a Concellaría prevé co Plan rematar coas inundacións da zona de Balaídos.

Isaura Abelairas salientou o investimento da súa Concellaría en reparación e construción de beirarrúas. Durante o último semestre de 2007 se investiron 150.000 euros na reparación, cifra que se verá incrementada cos 200.000 euros previstos para 2008. Na construcción de novas beirarrúas, o Concello destina máis de 600.000 euros para as parroquias, 30.000 euros para o centro, e preto de 285.000 para a renovación da Avenida de Citroën.

No periodo de xuño de 2007 a abril de 2008, se investiron máis de 185.000 euros na sustitución e colocación de novos puntos de luz para a mellora da iluminación e o aforro enerxético. En trámite para o 2008, a concellaría ten preto de 200.000 euros máis para estas actuacións.

En asfaltado e mantemento da vía pública, o Concello destinou máis de 1,8 millóns de euros para o asfaltado, o bacheado e a reparación de rúas e camiños e para o arranxo de lavadoiros e beirarrúas, entre outros traballos.

Para a supresión das barreiras arquitectónicas, a concellería xa investíu 113.000 euros na realización de rampas que salvan o desnivel da rúa e da beirrarúa, facilitando o paso a persoas coa mobilidade reducida. No resto do ano 2008 se destinarán 150.000 euros máis a este efecto en diversas rúas viguesas.
Descargar todas as imaxes