Escoitar

Calamar Teatro traerá ao Auditorio Municipal o seu espectáculo didáctico "Titirifauna"

Froito da colaboración do Servizo de Educación do Concello de Vigo e a Obra Social e Cultural de Ibercaja, os vindeiros 20, 21 e 22 de febreiro, o Auditorio Municipal acollerá o espectáculo didáctico-teatral "Titirifauna", especialmente creado para escolares de educación infantil e primaria pola compañía de teatro de Valladolid "Calamar Teatro".

luns, 18 feb 2008
"Titirifauna" foi premiado en FETEN 2002 cunha mención especial como espectáculo de pequeno formato e utiliza como técnicas de manipulación o teatro de obxectos, marot e variados tipos de títeres como son guantes, gorros e zapatillas que son manipulados con mans, cabeza e pés. A montaxe achéganos de xeito ameno ao fantástico mundo dos contos de Perrault, Grimn, Alfonso X o Sabio, e outros. Son as músicas de Brahms, Mozart, Bach, que xorden máxicas e alegres das cordas dun violín.

Sobre o escenario un violinista e unha actriz, por medio do xesto, a danza, a palabra e o ritmo dan vida a multitude de personaxes. Unha incrible fauna reciclada dos materiais máis insospeitados: paraugas, pratos, pinzas, luvas, zapatillas... obxectos que doutro modo rematarían no caldeiro do lixo, e que outorgan a este xesto de reciclado unha importante ensinanza.

Calamar Teatro naceu en Valladolid da man de Natalia Diez Wirton, que traballa en colaboración con outros actores, músicos e artistas plásticos. Natalia Diez Wirton descubriuse namorada da linguaxe peculiar dos títeres, vendo unha representación de "El paseo en bicicleta de Buster Keaton".Esta paixón levouna ao Instituto do Teatro de Barcelona, Departament de Titelles, onde foi alumna de Harry Tozzer. Estudou despois con Jean Pierre Lescaut e Philippe Genty, profesores do Institut de la Marionette de Charleville (Francia). Máis tarde diplomouse en interpretación na Escola Provincial de Arte Dramático de Valladolid.

Calamar Teatro xurdiu nese intre coa creación do "Desayuno con swing". Profesional dende 1999, conta na actualidade con experiencia e un amplo repertorio didáctico-teatral que pretende convidar á aventura de ir ao teatro, e seguir contando coa total complicidade do público asistente e o aplauso unánime da crítica. Levou a escena varios espectáculos cos que ten participado en Festivais e circuitos de teatro:

1999 "LA VOZ QUE SALE DEL MAR", espectáculo de rúa ou sala, para todos os públicos. Clowns, malabares, títeres, máscaras, sombras chinescas e música en vivo.

2001 "TITIRIFAUNA", espectáculo de sala, infantil, onde un violinista e unha actriz dan vida a multitude de personaxes que se atonpan nos contos de animais. Premiado en FETEN 2002: MENCIÓN ESPECTÁCULO DE PEQUENO FORMATO.

2003 "COSMOBASURA", teatro de obxectos para público novo, onde dúass actrices recrean con chatarra o mito arcaico da creación do mundo e o caos actual da nosa sociedade moderna.

2005 "LA CAMA VOLADORA", espectáculo de danza contemporánea para nenos e público familiar baseado nun conto tradicional de Islandia.

2007. "CUENTOS BLANCOS", espectáculo de teatro con obxectos e títeres acompañado pola música dun acordeonista sobre contos tradicionais. Presentado en FETEN.

Ao longo das seis sesións matinais programadas para escolares de educación infantil e primaria ás 10.30 e 12.00 horas respectivamente, 1440 alumnos/as de 5 a 12 anos, acompañados de 100 docentes pertencentes a 30 centros de ensino da cidade, terán a oportunidade de achegarse a disfrutar do referido espectáculo teatral, ofertado no marco do programa educativo municipal "Vigo por dentro". Todos os centros de ensino participantes dispoñen para o seu traballo inicial de motivación na aula, dun soporte documental completo, que inclúe a unidade didáctica da iniciativa na que vén recollida unha proposta de actividades e xogos.

Os centros de ensino participantes son os seguintes: Ceip Carballal, Ceip Virxe do Rocío, CEE Saladino Cortizo, Ceip Pombal, Ceip Valle Inclán, Ceip San Salvador, Ceip Vicente Risco, Ceip Paraixal, CPI Celso E. Ferreiro, Ceip Eduardo Pondal, Ceip Emilia Pardo Bazán, Ceip García Barbón, Colexio Maristas, Cep Doutor Fléming, Ceip Ría de Vigo, Ceip Sello, Cep Igrexa-Valadares, CEE Axpanaex, Ceip Santa Mariña, Ceip A Doblada, Colexio Nª Sra. Esperanza, Ceip Fonteescura, Escolas Nieto, Ceip Lope de Vega, Ceip Pintor Laxeiro, Ceip Otero Pedraio, Colexio Mercantil, Ceip A Paz-Tintureira, Ceip Eijo Garay e Ceip Balaídos.