Escoitar
A Concellería de Igualdade conta con 18.100 euros para axudar a mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan pasado pola casa de acollida

Benestar Social destinará este ano 140.000 euros a axudas de emerxencia

A Concellería de Benestar Social destinará este ano 140.000 euros a axudas de emerxencia para persoas ou familias en situación de necesidade. Pola súa parte, a Concellería de Igualdade ten consignados 18.100 euros para asistir as mulleres vítimas de malos tratos. Así o anunciaron este luns as respectivas concelleiras, María Méndez e Iolanda Veloso.

luns, 18 feb 2008
1203349355axudas180208.jpg
No caso das axudas de emerxencia de Benestar Social, María Méndez explicou que teñen carácter humanitario e se conceden directamente, sen que se realice convocatoria pública ningunha. Estas prestacións están dirixidas a persoas ou familias en situación de necesidade social e que estean empadroadas en Vigo ou teñan a condición de transeúntes en 2008. O seu obxectivo é cubrir as necesidades básicas destas persoas ou familias, como poden ser as relativas ás súa vivenda, alimentación, vestido, formación, atención sanitaria e transporte.

A Concellería de Benestar conta para este ano con 140.000 euros para axudas de emerxencia, cantidade á que se poderían sumar, de ser necesarios, outros 70.000 euros pertencentes a outra partida que ten por finalidade a mellora de vivendas.

De acordo cos datos ofrecidos por María Méndez, dos 140.000 euros repartidos en 2007 en concepto de axudas de emerxencia, cerca de 86.000 foron para persoas de nacionalidade española, mentres que os restantes 54.000 se empregaron para mellorar as condicións de vida de persoas doutras nacionalidades.

Axudas de Igualdade

Por outra parte, e segundo informou a concelleira Iolanda Veloso, a Concellería de Igualdade conta con 18.100 euros para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero que pasan pola casa de acollida. As axudas, dun máximo de 600 euros no caso das prestacións ordinarias e de 900 no das extraordinarias, teñen como finalidade facer que estas mulleres poidan adaptarse ao cambio que supón para elas saír deste centro asistencial.

Trátase, segundo indicou a concelleira, de afrontar "gastos urxentes" para mulleres que van vivir soas ou cos seus fillos, como o pagamento dun aluguer ou dunha fianza, da alimentación e da roupa, ou tamén, no caso das que volven á casa familiar, o cambio do pecho da porta.

Así mesmo, a Concellería de Igualdade axudará ás mulleres vítimas da violencia de xénero antes de pasaren pola casa de acollida. Neste caso, como explicou Iolanda Veloso, "o máis importante da axuda non é a contía, senón o concepto", xa que con ela o que se pretende é mellorar no posible a situación da vítima nuns momentos especialmente difíciles, por exemplo cubrindo o gasto do desprazamento ata a casa de acollida ou pagando un hostal mentres se valora a súa solicitude de ingreso.

Desde que o Concello aprobou este tipo de axudas no ano 2000 foron 69 as mulleres beneficiadas por esta iniciativa.
Descargar todas as imaxes