Escoitar

Xesús López salienta o protagonismo que terá Galicia na festa marítima que se celebrará na localidade bretona de Brest

O concelleiro de Cultura, Xesús López, salientou este mércores o papel protagonista que xogará Galicia na Festa Marítima de Brest 2008, que se celebrará nesa localidade bretona do 11 ao 17 de xullo, "ao ser convidada de honra", e amosou a colaboración da cidade de Vigo para a promoción do evento.

mércores, 23 xan 2008
1201099048brest08.JPG
"Temos que felicitarnos por contar con eventos deste tipo que poñan en valor a cultura tradicional", manifestou o concelleiro na presentación que os promotores desta iniciativa fixeron no Museo do Mar.

Xesús López, tras darlle a benvida aos representantes do Comité Rexional de Turismo de Bretaña e aos organizadores de Brest 2008, subliñou a "estreita relación que existe entre Bretaña e Galicia e en concreto entre Brest e Vigo" e fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que se sumen e participen nesta festa do mar, que ten por obxecto amosar a riqueza e a diversidade das distintas tradicións e culturas dos países e rexións marítimas de Europa e na que Galicia vai ter un papel destacado.

Na presentación tamén participou a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quen explicou que a xornada oficial de Galicia será o martes 16 de xullo. Os principais aspectos da cultura marítima galega serán recollidos no 'Village' de Galicia, integrado por unha serie de carpas e expositores ao carón do peirao no que se amarrarán máis de vinte embarcacións tradicionais galegas, que estarán abertas ao público e participarán nos desfiles diarios programados.

"É unha honra que Galicia sexa unha das nacións participantes neste evento e poida pór en valor o seu turismo e a súa tradición marítima nun escaparate como a festa de Brest", manifestou ao respecto Marta Souto, quen salientou que é "unha oportunidade única para amosar internacionalmente toda a valía que ten Galicia".

A Festa do Mar e dos Mariñeiros de Brest celébrase cada catro anos dende 1992 e a cita do 2008 reunirá na cidade bretona aos amadores do mar durante sete xornadas, do 11 e o 17 de xullo. A organización da festa elixe cada ano unha serie de países como convidados de honra en función da diversidade e riqueza do seu patrimonio marítimo, como un xeito de significar e recoñecer o seu labor a favor da preservación e divulgación da cultura do mar e da ribeira.
Descargar todas as imaxes