Escoitar

A Comisión do Ensanche acorda acelerar trámites e comezar o diálogo cos colectivos profesionais e asociativos

O obxectivo da Comisión é acelerar o procedemento de tramitación antes da aprobación inicial do Plan do Ensanche, para o que remitirán todas as licenzas solicitadas no ámbito ao equipo redactor para que as coñezan. Posteriormente convocarase aos colectivos profesionais e asociativos para que o Plan se axuste aos criterios de todos.

martes, 22 xan 2008
1201012778pec220108.jpg
A Comisión do Plan do Ensanche acordou este martes axilizar os trámites das licenzas no ámbito e manter reunións continuas coas asociacións e colectivos profesionais relacionados co urbanismo para que as súas demandas estean incorporadas no Plan especial de protección e reforma interior do Casco Vello de Vigo.

Na Comisión barallouse a posibilidade de estudar de forma selectiva algunhas licenzas do Ensanche, na actualidade en suspensión de licenzas, iniciativa que a Comisión rexeitou xa que se procura unha actuación integral en todo o ámbito. Deste xeito, acordouse remitir ao equipo redactor do Plan a documentación das licenzas, solicitadas ou rexeitadas, para que coñezan as demandas dos profesionais. O obxectivo da Comisión é acelerar os trámites de cara á aprobación inicial do Plan.

Posteriormente, a Comisión acordou convocar os colectivos profesionais e asociativos relacionados co urbanismo para coñecer as súas demandas e axustar os criterios aos intereses de todos, sen tomar decisións contrarias aos mesmos. Estas reunións terán carácter continuado.

Noutro punto da orde do día, a Comisión acordou conceder tres licenzas, Magallanes 3, Doutor Cadaval 3 e a reforma de Caixanova, xa que todos eles cumpren cos requisitos legais precisos.
Descargar todas as imaxes