Escoitar

A Real Academia Galega reunirase en Vigo o 26 de xaneiro para homenaxear a Xosé María Álvarez Blázquez

Os actos que se celebrarán en Vigo co gallo do Día das Letras Galegas deste ano, dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, comezarán o sábado 26 de xaneiro cunha recepción á Real Academia Galega (RAG) no Pazo de Castrelos e a lectura do discurso que o homenaxeado pronunciou en 1962 ao ingresar nesta institución.

martes, 22 xan 2008
1201012210academia220108.jpg
Presentación do acto, este martes no Concello
Desta vez, o discurso será pronunciado por Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do que fora cronista da cidade de Vigo e comisario de excavacións arqueolóxicas do Museo de Castrelos. O encargado de darlle resposta será Fermín Bouza Álvarez, fillo de Fermín Bouza Brey, quen respondera naquel ano ás palabras do autor homenaxeado. "Desta maneira o acto redondéase", explicou Álvarez Cáccamo durante a presentación do evento este martes no Concello.

O discurso de ingreso de Xosé María Álvarez Blázquez na Real Academia Galega, titulado "Cantares e romances vellos prosificados", non chegou a publicarse no seu día, e o daquela alcalde de Vigo, José Ramón Fontán, propúxolle ao autor realizar un acto na nosa cidade onde podería proceder á súa lectura, acto que finalmente non puido ter lugar debido ao pasamento de Fontán. Co acto do sábado 26 de xaneiro en Vigo, a Real Academia Galega quere homenaxear a Álvarez Blázquez cumprindo dalgún xeito o que fora o seu desexo.

Por motivos de espazo, a reunión da Academia en Vigo terá lugar no Auditorio do edificio da Alcaldía situado na rúa Areal. Nela intervirán o alcalde, Abel Caballero, e o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro.

Son poucos os actos que a Real Academia Galega ten realizado en Vigo. Coa súa xuntanza do día 26 a institución quere, en palabras do seu secretario xeral, Manuel González González, "saldar unha débeda histórica coa cidade", salientando "a importancia social e cultural que tivo no conxunto de Galicia" e a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, "divulgador importante da nosa literatura", "magnífico historiador", "extraordinario arqueólogo" e "dinamizador social", con iniciativas como a creación da editorial Monterrei en 1950.

En representación do Concello de Vigo, o portavoz do Goberno municipal, Carlos López Font, expresou o "entusiasmo do alcalde" pola celebración deste acto de homenaxe, que permitirá "recuperar protagonismo cultural" para a cidade. Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Xesús López, avanzou que nas próximas semanas se presentará "unha longa programación na que nestes momentos estamos a traballar".
Descargar todas as imaxes