Escoitar

Vigo contará en 2009 con tres centros de día e un de Alzheimer

"Vigo contará, no ano 2009, con tres centros de día e un de Alzheimer", afirmou este martes a concelleira de Benestar Social, María Méndez, durante a visita que realizou ao centro de día da Cruz Vermella para coñecer de primeira man o seu funcionamento.

martes, 22 xan 2008
1201010335cruzvermella220108c.jpg
A concelleira explicou que, ademais deste centro, que funciona dende hai dez anos tras a sinatura dun convenio entre esta entidade e o Concello de Vigo, o centro Atalaia xa está no proceso de selección de usuarios, mentres que o da rúa O Grove iniciará as obras nos 1.400 metros cadrados de terreo de que disporá, previsiblemente, no mes de abril.

O centro de día da Cruz Vermella, que atende 25 persoas, presta servizo de atención ás persoas maiores con dependencia leve ou moderada e para iso conta cunha psicóloga, unha traballadora social, unha monitora de actividades, un fisioterapeuta e tres auxiliares de enfermería. María Méndez salientou a alta calidade da atención prestada e ao respecto explicou que nas enquisas de calidade que se elaboran, as familias dos usuarios manifestan a súa aprobación polo bo funcionamento do centro.

"A posta en marcha das instalacións previstas cobre parte da demanda existente na cidade de Vigo, pero hai que seguir traballando para que esa demanda de centros de día por habitante acade unha media aceptable", sinalou a concelleira, quen considera que isto se poderá conseguir unha vez que Vigo conte con catro ou cinco centros de día. "Deste xeito cumpririamos co promedio estatal, xa que a demanda aumenta cada ano", indicou.
Descargar todas as imaxes