Escoitar

O Concello exime a Asociación de Pais de Minusválidos da Provincia de Pontevedra do pagamento de 175.000 euros

A Asociación de Pais de Minusválidos da Provincia de Pontvedra (APAMP) proxecta a construción dun Centro de Atención Integral en terreos cedidos polo Concello en Navia, que atenderá a 157 persoas. O goberno local exime a Asociación do pagamento do Imposto sobre Contrucións, Instalacións e Obras (ICIO), que alcanza o 3,5% do total do proxecto.

mércores, 23 xan 2008
1201099924reunion230108.jpg
O Concello de Vigo comunicou á Asociación de Pais de Minusválidos da Provincia de Pontevedra (APAMP) que a eximirá do pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) do Centro de Atención Integral que o organismo construirá nos terreos cedidos polo Concello na parroquia viguesa de Navia.

A taxa contempla o pago do 3,5% do custo total do proxecto, un orzamento que, segundo as estimacións da Asociación, ascenderá aos 5 millóns de euros, co que a exención do imposto acadará os 175.000 euros.

No encontro mantido esta mañá entre a APAMP, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a directiva da Asociación avanzou que prevén que as obras comecen este ano para estar rematadas no 2010. O recinto poderá atender simultáneamente a 157 persoas, e contará cun Centro de Día con capacidade para 45 persoas, cun Centro de Tratamento para outras 80 e cunha residencia de 45 prazas.

A Asociación

A APAMP naceu hai 30 anos co obxectivo de axudar os pais e nais que teñen fillos con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas. Coa axuda de profesionais, promoven o dsenvolvemento integral destas persoas para que poidan participar activamente na sociedade.

Hoxe en día, a Asociación conta cun Centro Ocupacional, un Centro de Día e un Servizo de Axuda a Domicilio, que en total asiste a 67 persoas. Entre as súas actividades figuran os obradoiros deportivos e de manualidades e os servizos de fisioterapia, psicoloxía e logopedia, impartidos por 24 profesionais.
Descargar todas as imaxes