Escoitar

Proposto o sometemento a información pública do avance do Plan Especial do Ensanche

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo propúxolle este xoves á Xunta de Goberno Local o sometemento a información pública do avance do Plan Especial do Ensanche. Este trámite siginificará o inicio do proceso de aprobación deste documento, que ten por obxectivo a recuperación urbana desta área da cidade.

xoves, 20 set 2007
1190290859xeren200907.jpg
A exposición pública do avance polo período de un mes responde á intención de darlle "o maior coñecemento e a maior participación" por parte dos cidadáns, segundo sinalou o alcalde, Abel Caballero. Deste xeito, o Concello espera iniciar coas máximas garantías o proceso de aprobación do Plan Especial do Ensanche.

Ademais, o acordo proposto polo Consello da Xerencia á Xunta de Goberno inclúe a suspensión, polo prazo dun ano, do procedemento de outorgamento de licenzas de demolición total ou parcial, reestruturación xeral e baleirado interior dos edificios da área afectada polo Plan, para poder proceder á súa catalogación. Se non se chega á aprobación inicial do Plan dentro do prazo indicado, a suspensión manterase para as áreas nas que as novas determinacións de planeamento supoñan modificación da ordenación urbanística.

Por outra parte, a Xunta de Goberno do próximo luns terá na súa orde do día a decisión de dirixirse á Consellería de Medio Ambiente para comunicarlle o inicio da redacción do Plan Especial do Ensanche. Así mesmo, a Xunta de Goberno podería iniciar o expediente de incoación de todo o ámbito do Plan Especial como conxunto histórico-artístico.

Antenas de telecomunicacións

Doutra banda, o Consello da Xerencia tomou coñecemento dun informe no que se detalla o estado actual das licenzas de instalacións de telecomunicacións no termo municipal de Vigo. Así, para o período de maio de 1999 a agosto de 2007 o Concello recibiu un total de 193 solicitudes, das que 42 están desestimadas, caducadas ou desistidas, 19 foron autorizadas e 132 están en trámite. Destas, 14 están en exposición pública, 61 foron notificadas e 57 están pendentes de informe técnico ou xurídico.

A elaboración deste informe foi solicitada polo Consello da Xerencia o pasado 6 de setembro, nunha sesión na que tamén acordou a revisión das licenzas das antenas de telefonía xa existentes para comprobar se cumpren ou non coa normativa en vigor. Estes acordos foron adoptados por unanimidade dos tres grupos presentes no Consello a proposta do BNG, que na súa moción se referiu ás "innumerables queixas de veciños e veciñas no tocante á colocación de antenas de telefonía móbil en distintos puntos da cidade", que "segundo as súas informacións carecerían da perceptiva licenza e non estarían a cumprir a Ordenanza Municipal" que regula a súa localización, instalación e funcionamento.

Neste sentido, o alcalde, Abel Caballero, enviou unha "mensaxe de tranquilidade" aos cidadáns e asegurou que o Goberno local vai esixir "taxativamente" o cumprimento da normativa por parte das operadoras de telecomunicacións, mantendo ao mesmo tempo o obxectivo de ofrecer "a maior cobertura" aos usuarios destas empresas en Vigo.
Descargar todas as imaxes