Escoitar

A relación entre o Concello e a Autoridade Portuaria inicia unha "nova etapa"

O alcalde, Abel Caballero, anunciou este mércores despois do encontro que mantivo co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, o "inicio dunha nova etapa" na relación entre o Porto e a cidade de Vigo, na que primará unha "vontade absoluta de cooperación".

mércores, 19 set 2007
1190206108jesuspaz190907.jpg
A visita de Jesús Paz ao despacho do alcalde, primeira que realiza como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, serviu para que ambos os dirixentes revisasen diversos aspectos relativos ao desenvolvemento do Porto e á súa interacción coa cidade.

Na rolda de prensa posterior á reunión, Jesús Paz indicou que a Autoridade Portuaria espera dispor a finais de 2007 ou principios de 2008 dun diagnóstico de prioridades operativas que defina as necesidades do Porto e os prazos para cubrilas. Segundo sinalou Jesús Paz, unha vez que o Porto teña este diagnóstico "é moi probable que haxa unha nova exposición pública" do Plan de Usos Portuarios.

Entre as prioridades mencionadas polo presidente do Porto destacan a de solucionar os problemas de capacidade operativa das terminais de Guixar e Bouzas e a de dar resposta ás necesidades do porto pesqueiro.

En relación á ampliación do Porto na zona do Areal, Jesús Paz engadiu que esta opción "está enriba da mesa", polo que "nin se desbota nin hai unha decisión tomada" ao respecto. A zona pesqueira de Beiramar, pola súa parte, podería ver modificadas as súas funcións se, como afirmou Abel Caballero, finalmente é "destinada a ser unha zona urbana" ligada ao futuro Auditorio-Pazo de Congresos.

Outro proxecto ligado ao desenvolvemento do Porto, o deseñado polo arquitecto francés Jean Nouvel, foi cualificado de "importantísimo" e "irrenunciable" polo alcalde. O presidente da Autoridade Porturaria, pola súa parte, sinalou que o Proxecto Nouvel, que conta como emblema cun monolito de 90 metros de altura que albergará un hotel, "ten que ser compatible coa capacidade de carga que necesita o Porto".

Doutra banda, Abel Caballero e Jesús Paz acordaron o inicio de contactos entre o Concello e a Autoridade Portuaria de cara á localización en terreos do Porto dun novo parque de bombeiros que substituiría as instalacións con que actualmente conta este corpo en Balaídos.
1190206108jesuspaz190907.jpg
1190206126jesuspaz190907b.jpg
Descargar todas as imaxes