Escoitar

O Museo Quiñones de León ofrece a mostra "A camelia nos xardíns das Rías Baixas"

O Museo Municipal Quiñones de León ofrece a partir deste martes e ata o próximo 21 de outubro a mostra "A camelia nos xardíns das Rías Baixas", composta por obras do pintor vigués Álex Vázquez.

martes, 18 set 2007
1190103868alexvazquezcameliayume.jpg
Alex Vázquez. Camelia Yume
Entre os lugares representados nestes traballos destaca especialmente o propio Pazo Quiñones de León, cuxo xardín conta con grandes camelias como a Camelia Matusalén, exemplar de xapónica dos máis antigos de Galicia.

"A camelia nos xardíns das Rías Baixas" é unha exposición promovida polo Museo Municipal Quiñones de León, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, coa colaboración da Asociación Española de la Camelia e Camelia Galicia.

A mostra poderase visitar de martes a sábados, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos e festivos, de 10.00 a 13.30 horas.

O artista

Álex Vázquez (Vigo, 1946) procede dunha familia de creadores galegos que influíron na súa vocación e traxectoria. Fundamentalmente paisaxista, Álex Vázquez é capaz de facer motivo plástico de calquera nadería, do secundario e habitualmente inadvertido, cunha pintura de execución equilibrada, nunca insistida. Desta maneira, como quería o mestre d'Ors, a anécdota elévase á categoría de Arte.

Pintor de sentimento, de evocación e nostalxia, de imaxinación viscontiana, móvese a cabalo entre un barroco intemporal e un novecentismo inexacto, deliberadamente inexacto, para que o motivo e a interpretación se identifiquen sen asoballar. Álex Vázquez é un pintor sen vangardas, convencido de que forma, luz e ambiente son tamén a verdadeira pintura.

Álex Vázquez conta no seu haber con máis dun centenar de exposicións realizadas en cidades de España, Portugal, Alemaña e Bélxica. É importante a súa faceta de ilustrador. Del din que é un debuxante exquisito, de grafismo primoroso, capaz de sintetizar a arquitetura monumental ou calquera obxecto nos trazos xustos. Deseñou e ilustrou publicacións para autores de tanto prestixio como Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares, Darío Xohán Cabana, Paco Fernández Naval e Xavier Alcalá, entre outros.
1190103868alexvazquezcameliayume.jpg
1190103931alexvazquezmuseoquinonesdeleon.jpg
Descargar todas as imaxes