Nove artistas analizan a relación entre arte e documento no MARCO
Partindo do auxe e da importancia cada vez maior da fotografía documental dentro da arte actual, a exposición "DOCUMENTOS. A memoria do futuro" analiza diferentes xeitos de recrear e construír a realidade contemporánea. A mostra, coproducida entre o Koldo Mitxelena Kuturunea de San Sebastián e o MARCO, poderá visitarse neste museo ata o 24 de xuño.
"DOCUMENTOS. A memoria do futuro" reúne nove artistas que demostran unha forza creativa indubidable e unha presenza protagonista na escena artística internacional. Son nove formas de traballar a imaxe fotográfica desde perspectivas, intencións e planeamentos moi diferentes, pero todos eles nos falan da complexa relación entre arte e documento, e sitúanse dentro de parámetros documentais, non no sentido da reportaxe xornalística, senón no da recreación subxectiva dunha situación concreta.
As formas nas que estes nove artistas afrontan o seu presente son diversas, pero úneos a necesidade de deixar constancia dun feito e dun momento determinados, en ocasións sen ofrecer un testemuño directo e reconstruíndo, en cambio, unha historia contada e recuperada a través doutros documentos escritos e de relatos orais.
Así, Juan Manuel Echavarría recolle unha tradición oral na voz e nos cantos de seres anónimos testemuñas da traxedia. No seu vídeo "Bocas de Cinza" préstalles os seus oídos e a súa capacidade de difundir a súa dor ás vítimas sobreviventes das matanzas que tiveron lugar en Colombia. Esta obra supón un achegamento íntimo e persoal do artista, que nos obriga a implicarnos nunha historia universal de dor e inxustiza.
Tamén Ann-Sofi Sidén reconstrúe unha historia do pasado, pero neste caso sen testemuñas directas. Trátase dunha historia reconstruída e escenificada, na que cataloga tipoloxías de delictos que historicamente só se atribúen a mulleres, tales como a bruxería, a prostitución ou o aborto. Delictos de muller que exemplifica en casos singulares da historia do seu país, e que escenifica en branco e negro nunhas imaxes que son como ilustracións, acompañadas de textos explicativos de cada caso.
Luc Delahaye traballa nun sentido inverso, e produce documentos memorables, monumentais frescos históricos duns feitos non tanto inéditos como inmediatos. Neste caso o artista é a testemuña e conta os feitos tal e como os viu. Dominando as técnicas do fotoxornalismo, a iluminación dos grandes espazos e esa capacidade de traballar "en directo" e en tempo real, Delahaye constrúe unhas obras de grande formato que son herdeiras directas da pintura de historia.
Pero non é só o transcendente, senón tamén a vida mesma, o particular e o anecdótico, o que define a nosa sociedade actual. A través dun percorrido por lugares que son iconas do "tour operator", Jacques Fournel ofrece unha visión irónica sobre o turismo, o lecer e a devoción das masas de clase media, dunha burguesía internacional que invade costas arredadas, paraísos perdidos, coa mesma indiferenza que aeroportos e monumentos míticos.
Alec Soth cóntanos algo tamén aparentemente banal, que a través da visión do artista se converte nun documento social: a historia de "Niagara Falls", unha pequena vila turística en Canadá que é unha especie de versión rústica de Las Vegas. Lugar mítico das viaxes de Lúa de Mel, e sinónimo de voda e de felicidade eterna en toda Norteamérica. Soth constrúe unha historia con anacos reais (o traxe de noiva, as cartas de amor, os hoteis para os que acaban de casar etc) pero é o espectador quen enche os espazos entre as imaxes, e a visualización desas ‘ferramentas’ da felicidade fálanos irremediablemente de separacións, de infelicidade, e se cadra da imposibilidade do amor eterno.
Sebastián Friedman fainos pensar nas relacións persoais que se presentan nun mundo laboral tan estrito e restrinxido como é o traballo doméstico no contorno familiar. A serie "Familia e doméstica" ofrécenos imaxes en forma de díptico: nun lado a familia contratante coa muller de servizo; noutro a criada no seu propio contorno familiar. Un documento intimista e aparentemente amable sobre a problemática social e laboral do servizo doméstico, que arrastra outros moitos aspectos de orde moral, desde o trato feudal, ata a irreconciliable situación de levar ao terreo familiar unha relación puramente laboral.
A parella formada por María Bleda e José María Rosa céntrase na documentación de lugares como espazos ocupados pola memoria e pola historia do home e da civilización. No seu proxecto "Origen" abordan un motivo de investigación permanente na sociedade científica actual: a busca das pegadas dos primeiros homes sobre a terra, a guerra de datas e lugares nos que en cada momento concreto os científicos teñen datado ao primeiro home, cada vez nun lugar diferente do mundo, cada vez uns milleiros de anos máis atrás.
A Guerra é o tema preferido de calquera documentalista, se cadra soamente superado polos desastres naturais ou producidos polo home, pero hai moitas formas de poñela en imaxes. Brian McKee percorreu Afganistán despois da destrución, pasou por palacios cuns salóns de refinamento inigualable e exótica decoración, e amósanos friamente o que quedou, cal é o rastro da destrución cando xa non hai cadáveres nin fume; como a historia dunha civilización se transforma, as súas riquezas se converten en pó e os seus costumes se esquecen. Fálanos da violencia da intrusión salvaxe que a guerra produce nunha cultura, nunha civilización que o ocupante descoñece e non respecta en absoluto.
Desde unha perspectiva moi diferente opera The Atlas Group, grupo de investigación artística fundado polo artista e profesor Walid Raad, que tenta reconstruír unha imaxe do Líbano a partir da destrución, recuperando dos cascallos unha produción artística que nas súas mans se converte inevitablemente en documento. "My Neck is Thinner than a Hair", un arquivo de imaxes dos 245 coches-bomba estoupados en Beirut, coa súa documentación gráfica e textual, é sen dúbida un documento en estado puro, aínda que mantén as características de reagrupamento de materiais, de selección e de posta en escena que definen a creación idealizada dunha realidade demostrada.
DATAS
30 marzo – 24 xuño 2007
LUGAR
salas de exposición do primeiro andar
HORARIO
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00
domingos, de 11.00 a 15.00
COPRODUCIÓN
MARCO, Museo de
Arte Contemporánea de Vigo /
Koldo Mitxelena Kulturenea,
San Sebastián
COMISARIA
Rosa Olivares
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
VISITAS GUIADAS
- Todos os días ás 18.00 horas
- Visitas "á carta" para grupos e asociacións, previa cita no tel. 986 11 39 00/11 (ext. 307 ou 314).