Escoitar

Docentia 2007 reunirá máis de 100 expositores do 12 ao 14 de abril

O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá os días 12, 13 e 14 de abril a terceira edición de Docentia, Salón Monográfico da Educación, a Formación e o Emprego. O evento, ao que se espera que asistan máis de 10.000 visitantes, contará coa presenza de máis de 100 institucións públicas e privadas pertencentes a estes sectores.

venres, 30 mar 2007
1175256719docentia300307.jpg
O obxectivo que desde hai tres edicións pretende conseguir o Salón é mostrar a máis completa oferta e as novidades máis recentes nos campos da educación, a formación e o emprego. Desta forma, os estudantes de diferentes niveis, en especial os universitarios, e os profesionais terán unha boa oportunidade para escoller entre máis de 5.000 titulacións. Por iso o slogan deste ano é "Un salón con vistas ao teu futuro". Nesta edición, ademais, Docentia reforza o nexo de unión entre os ámbitos académico e laboral, para servir de plataforma aos estudantes que se preparan para dar o salto ao mundo do traballo.

Os que visiten Docentia este ano poderán pasar polos stands de numerosos expositores: universidades, centros de formación profesional, institucións públicas, escolas superiores e de posgrao, asociacións, colexios profesionais, centros de ensino de idiomas, institucións relacionadas co emprego e proveedores de material educativo.

Stand do Concello

O Concello de Vigo estará presente en Docentia cun stand no que se poderá ver unha exposición das obras realizadas na Escola Municipal de Artes e Oficios, pertencentes aos obradoiros de ourivería, luthería, instrumentos musicais tradicionais, cerámica, artes plásticas, repuxado, moda e artes gráficas. Neste espazo tamén se impartirán charlas sobre o funcionamento da Escola e dos diferentes obradoiros.

Os que visiten este stand terán a oportunidade de coñecer de cerca o proceso de construción dun boceto do que podería ser a chave da cidade de Vigo que se está desenvolvendo en ourivería de prata.

Despois do éxito da pasada edición, que contou con máis de 80 expositores e case 6.500 visitantes, en 2007 espérase que visiten a feira máis de 10.000 persoas. Un dato que vén demostrar que Docentia se ten posicionado xa como o máis sobranceiro evento das súas características no Noroeste peninsular e un dos principais de toda España. Actualmente o seu ámbito esténdese desde Galicia ao resto do Estado e ao Norte de Portugal. Nesta ocasión, o Salón permanecerá aberto ao público de 10.00 a 20.00 horas o xoves 12 e o venres 13, e de 11.00 a 14.00 horas o sábado 14. O acceso é gratuíto.

Ademais, Docentia ofrecerá este ano novas actividades gratuítas para os seus visitantes, cun conxunto de xornadas nas que os interesados se poden inscribir a través da web www.docentia.net.

Tamén se levará a cabo nas mañás do xoves e do venres un ciclo de conferencias patrocinadas polo Centro Español de Dereitos Repográficos (CEDRO), nas que se tratarán temas como os idiomas, os estudos de moda e deseño, as titulacións universitarias, carreiras profesionais, a orientación académica e os dereitos de autor.

Por último, e grazas ao patrocinio da entidade pública empresarial RED.ES, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, os estudantes terán á súa disposición unha Zona de Acceso Libre a Internet. Nela poderán gozar de forma gratuíta duns equipos de última xeración e dun horario ininterrompido para navegar libremente pola Rede.
Descargar todas as imaxes

Máis información