Escoitar

Vitrasa entrega catro autobuses cargados de alimentos e medicinas para os refuxiados do Sahara

Vitrasa entregou hoxe xoves nas súas instalacións á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui catro autobuses cargados de alimentos e medicinas para os refuxiados de Tinduf, nun acto ao que asistiron a concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, e o director de Vitrasa, Juan Carlos Villarino.

xoves, 8 feb 2007
A entrega de catro autobuses da empresa Vitrasa ao pobo saharaui é resultado dunha iniciativa da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que grazas á mediación da alcaldesa de Vigo conseguiu a cesión gratuíta dos vehículos.

Durante os últimos meses, os catro autobuses estiveron percorrendo as catro provincias galegas para recoller as doazóns de alimentos e medicinas achegadas por distintos colectivos e establecementos comerciais (farmacias, colexios, supermercados, etc.).

Os autobuses, cargados con alimentos e medicinas, partirán o sábado día 10 rumbo a Alacante. Alí reuniranse con caravanas de vehículos chegadas de toda España para embarcar cara a Alxeria e dirixirse a Tinduf, o seu destino.

O envío do convoi vigués custa 28.000 euros, cantidade que foi sufragada coas achegas de distintos concellos e da Deputación de Pontevedra. Ao convoi unirase ademais un autobús cedido por unha empresa de transporte interurbano da Cañiza e un land-rover cedido polo Concello de Bueu.

Non é a primeira vez que se envían vehículos ao Sahara. En 2006 saíron de Vigo dúas ambulancias e dous autobuses, doados por outra empresa de transporte. No entanto, dáse a circunstancia de que este ano a necesidade de axuda nos campamentos de refuxiados saharauis é especialmente apremante, debido á escaseza de comida e fármacos.

O Concello de Vigo tamén colabora coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui no programa que trae os nenos saharauis para pasar o verán con familias viguesas. A achega municipal é de 16.000 euros, cantidade que permitiu ampliar de 10 a 30 o número de nenos beneficiarios desta iniciativa.