Escoitar

Castrelos acolleu o Campionato Galego de Campo a Través para discapacitados intelectuais

O parque de Castrelos acolleu hoxe mércores o Campionato Galego de Campo a Través da Federación Galega de Deportes para Discapacitados Intelectuais, no que participaron 240 deportistas. A clausura e entrega de premios contou coa asistencia da concelleira de Deportes, Lucía Molares.

mércores, 7 feb 2007
Os 240 participantes pertencen a 12 clubes procedentes de Vigo, O Porriño, Mos, Crecente, Pontevedra, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Cedeira (A Coruña).

O Campionato dividiuse nas categorías de xogos, de carácter participativo e cun percorrido de 500 metros; adaptada, de características máis normalizadas e 1.500 metros de distancia; e a de competición, seguindo as normas desta disciplina e con distancias de 2.000 metros para as mulleres e 3.000 para os homes.

Na competición de mulleres, a gañadora foi Concepción Pereira, do club Esclavas de Mos, mentres que en homes o título foi para Francisco Rodríguez, do San Rafael de Vigo.

Co Campionato de Campo a Través iníciase unha serie de eventos cos que a Federación Galega de Deportes para Discapacitados Intelectuais quere ofrecer a estas persoas unha oportunidade de estar máis sas e normalizar as súas vidas mediante a práctica deportiva. Os outros campionatos organizados pola Federación Galega son os natación, fútbol sala, atletismo, baloncesto e petanca.