Escoitar

Os alumnos e alumnas de "Vivir en parella é cousa de 2" reciben os seus diplomas

Os alumnos e alumnas, cento vinte e cinco en total, da terceira edición do programa da Concellaría da Muller "Vivir en parella é cousa de 2", reciben hoxe martes os seus diplomas de mans da concelleira Lucía Molares. A entrega terá lugar ás 19.30 horas na Casa das Mulleres (rúa Romil, 20).

martes, 6 feb 2007
1170769321parella060207.jpg
Os sete cursos desta edición do programa comezaron a finais do pasado mes de novembro e impartíronse en diferentes puntos da cidade. Seis dos cursos finalizaron xa e serán os alumnos e alumnas destes cursos os que reciban os diplomas que se entregan hoxe martes. O curso que aínda non acabou farao no mes de abril. Titúlase "Como podo entenderte?", ten carácter mixto e trata da comunicación para conseguir unhas relacións interpersoais gratificantes e de calidade.

Os cursos estaban dirixidos a homes e mulleres interesados en aprender e pór en práctica no seu fogar coñecementos que desde a Concellaría da Muller se consideran necesarios para avanzar no camiño da igualdade.

Así, os homes participaron nun curso de cociña e noutro de coidados da roupa, mentres as mulleres facían o propio nun curso de reparacións domésticas básicas e noutro de mecánica e electricidade do automóbil. Ademais, houbo dous cursos mixtos: un de saúde infantil e outro de coidado de persoas dependentes.

O programa "Vivir en parella é cousa de 2" enmárcase nos obxectivos do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2005-2007 do Concello de Vigo. A área 2 do Plan ("Conciliación: Familia e Corresponsabilidade Doméstica") establece como obxectivo xeral o de fomentar o equilibrio no reparto de responsabilidades familiares e no traballo reprodutivo.
Descargar todas as imaxes