Escoitar

Os certificados de pagamento dos recibos municipais están disponibles na web do Concello

O Concello de Vigo incorporou á súa web a finais do pasado mes de decembro un novo servizo a través do cal os cidadáns poden obter gratuitamente certificados acreditativos de pagamento dos recibos municipais.

luns, 5 feb 2007
1170684760xunta050207.jpg
Este servizo está disponible desde a Carpeta do Cidadán ou desde a Oficina Virtual da web do Concello. A súa utilización permítelles aos cidadáns obter os seus certificados sen ter que desprazarse ata a Casa do Concello. Ademais, este servizo é totalmente gratuíto, mentres que para demandar os mesmos certificados en persoa débense aboar 9,5 euros.

Deste xeito, pódense obter a través de Internet os certificados acreditativos do pagamento de todos os impostos municipais, entre os que están o IBI, o IAE, o do lixo e o de vehículos. Estes certificados teñen a mesma validez xurídica que os que se recollen no propio edificio do Concello.

Con este e outros servizos da chamada e-Administración, o Concello procura alcanzar obxectivos como son reducir as colas e os tempos de espera; pór a disposición dos cidadáns e empresas, de forma inmediata e directa, os datos que o Concello teña sobre eles; aumentar a visibilidade e transparencia dos procesos administrativos, de tal maneira que os cidadáns saiban en todo momento en que situación está a súa petición; facilitar a tramitación e presentación de documentos e enviar documentos ao Rexistro Xeral desde Internet a calquera hora do día os sete días da semana.

Atención a patoloxías neurolóxicas

Na súa reunión de hoxe luns, a Xunta de Goberno Local deu un paso máis cara á implantación de dous centros de atención para persoas con patoloxías neurolóxicas noutras tantas parcelas situadas na terceira fase A do Plan Parcial de Navia. Concretamente, o Goberno municipal convocou o concurso para o contrato destinado á utilización privativa destas dúas parcelas.

O primeiro destes terreos, de 4.000 m2, dedicarase a un centro de atención a persoas con parálise cerebral, mentres que o segundo, de 2.500 m2, destinarase a centro de atención a persoas con dano cerebral adquirido.

Proxectos de pavimentado

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou un conxunto de proxectos para a pavimentación dunha serie de rúas. Son os da Travesía de Vigo (entre Bailén e Numancia, cun orzamento base de licitación de 260.000 euros), Policarpo Sanz e García Barbón (ata a glorieta de Isaac Peral, 392.000 euros), a rúa Sagunto (48.600), Pizarro (184.000), a rúa Palencia (32.000), Numancia (entre Dr.Canoa e Travesía de Vigo, por 21.000 euros), Colón (entre Areal e Policarpo Sanz, por 53.450 euros) e Camelias (entre Álvaro Cunqueiro e a praza de América, cun orzamento de 95.000 euros).
Descargar todas as imaxes