Escoitar

O Observatorio de Comercio Celsius presenta os seus primeiros datos para Vigo e a súa comarca

A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, presentou hoxe luns os resultados para Vigo e a súa comarca da primeira análise efectuada polo Observatorio de Comercio Celsius, creado pola Deputación de Pontevedra para estudar e analizar o sector do comercio minorista na provincia.

luns, 5 feb 2007
1170681676comercio050207.jpg
Este estudo analiza os datos a nivel provincial e comarcal en 14 ámbitos de actuación, polo que, tras unha presentación inicial das conclusións para o conxunto da provincia, ao longo do mes de febreiro presentaranse os datos específicos para cada bisbarra.

O obxectivo da primeira das tres fases de enquisación que se levarán a cabo no periodo 2006-2007 é detectar as necesidades do sector e poder así establecer estratexias efectivas para impulsar o comercio minorista. Esta primeira fase do estudo realizouse nos meses de setembro e outubro de 2006 sobre un total de 1.500 establecementos de comercio minorista da provincia de Pontevedra.

Dos resultados obtidos para o Concello de Vigo destacan datos como que un 75% dos propietarios consultados afirman coñecer a súa competencia, que un 56% dos establecementos son dirixidos por mulleres e que o uso das Tecnoloxías da Comunicación e da Información (TIC) é alto respecto ao resto da provincia.

O Observatorio Celsius, cun orzamento de 80.000 euros, tamén fai públicos os resultados da súa análise de toda a provincia de Pontevedra na web www.observatoriocelsius.org. Os navegantes, así mesmo, poderán consultar os máis de 40 informes, estudos e recursos relacionados co sector, e utilizar as ferramentas que teñen á súa disposición: buscador de feiras, información sobre normativas que afectan ao sector, estudos de mercado ou artigos de mercadotecnia para o comercio polo miúdo.

O Observatorio de Comercio Celsius está integrado no Proxecto Mercurio, unha iniciativa financiada por EQUAL que lidera a Deputación de Pontevedra. O Proxecto Mercurio conta co apoio da Manchester Metropolitan University (Reino Unido), que desenvolve o proxecto Agora, e da Asociación de Empresarios de Barbastro (Huesca), responsable do proxecto Comurbano.

Os obxectivos do Proxecto Mercurio son fomentar o asociacionismo no sector do comercio, formar os traballadores e técnicos, introducir novas tecnoloxías e potenciar como obxectivo de futuro a creación de centros comerciais abertos.

Ademais da Deputación de Pontevedra, forman parte da agrupación de desenvolvemento da nosa provincia a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra, Caixanova e as Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Tui.
Descargar todas as imaxes