Escoitar

Diego Santomé realiza os seus "Traballos Inútiles" para expoñelos en ARCO 2007

O artista vigués Diego Santomé está a realizar nas instalacións do obradoiro de Cerámica da Escola de Artes e Oficios a obra "Traballos Inútiles", que será exhibida na feira internacional de arte contemporánea ARCO 2007 de Madrid.

venres, 2 feb 2007
1170425151eao020207.jpg
A peza que se presentará no stand da galería Pilar Parra & Romero en ARCO constará de 17 bólas de billar de cerámica que ocuparán un espazo de dous metros de longo por dous de ancho e 30 centímetros de altura.

Diego Santomé inspirouse na súa vida cotiá para realizar "Traballos Inútiles". A súa intención é reproducir en porcelana ou louza obxectos como unha bombona de butano, a cadeira do seu estudo, unha mesa de pasar o ferro, un casco de moto ou as propias bólas de billar, anulando as súas funcións orixinais.

"Nunha cadeira de porcelana non podes sentar, xogar ao billar con bólas de porcelana do tamaño dunha pelota de baloncesto é absurdo, pór un casco de cerámica non che salvaría a vida nun accidente", explica Santomé. "A única aspiración destes obxectos é simplemente converterse en algo belo que unicamente sirva para a súa contemplación".

O proceso de elaboración da peza que se poderá ver en ARCO 2007 é longo e complexo. Por iso, o equipo que asiste tecnicamente a Diego Santomé está dirixido polo profesor de Cerámica Miguel Vázquez e integrado por alumnos avanzados e ex alumnos da Escola de Artes e Oficios.

A peza serviralle á Escola para realizar un traballo de investigación e resolución de procesos cerámicos técnicos complexos que posteriormente serán de utilidade na dinámica do propio obradoiro de Cerámica.
Descargar todas as imaxes