Escoitar

O Salón da Hostelería do Atlántico terá lugar do 20 ao 22 de maio no IFEVI

A IV Edición do Salón da Hostelería do Atlántico (SHA) celebrarase do 20 ao 22 de maio no IFEVI. A súa finalidade será servir de punto de encontro a profesionais, empresas, asociacións, organismos e especialistas do sector para a difusión de novos produtos e servizos.

mércores, 7 feb 2007
1170854010salonhosteleria07.jpg
Este certame bienal, presentado hoxe mércores pola concelleira de Turismo e Comercio, Lucía Molares, chega en 2007 á súa IV edición cun marcado carácter transfronteirizo, como referente dun mercado de máis de sete millóns de consumidores como é o do Noroeste peninsular. Outro dos valores engadidos do Salón, segundo explicou a súa directora, Raquel Robledo, é a aposta pola promoción efectiva e a calidade. Con estas características, o SHA quere ofrecer aos expositores unha grande oportunidade para promocionaren as súas imaxes corporativas e estableceren relacións directas con clientes potenciais.

O espazo do SHA dividirase nun Salón do Equipamento e un Salón da Alimentación. No primeiro estarán os expositores de equipos e maquinarias para a hostelería; mobiliario e decoración; menaxe e servizo de mesa; téxtiles e uniformes; xestión, control, informática e seguridade; e servizos en xeral, xunto coas áreas dedicadas a vénding e a equipos e produtos para lavandería, tintorería, hixiene e limpeza en xeral.

No Salón da Alimentación estarán situados os expositores das comunidades autónomas, consellos reguladores, alimentación perecedoira e non perecedoira, alimentación ecolóxica, conxelados, produtos biolóxicos e dietéticos, produtos de gourmets, bebidas, alimentación fóra do fogar, cátering, publicacións e asociacións. Este segundo Salón completarase coas áreas dedicadas ao café e ao viño.

Entre os visitantes do Salón da Hostelería do Atlántico espéranse empresarios hoteleiros, restauradores, cafeterías, fabricantes, importadores, exportadores e distribuidores, responsables de compras de grandes superficies, hospitais, residencias, colexios e cadeas de tintorería.

Actividades paralelas

Coa colaboración de diferentes colectivos profesionais, o SHA volverase converter nun foro de debate sobre as últimas novidades do sector, cun amplo programa de actividades complementarias e a creación de espazos destinados a reforzar as estratexias comerciais das firmas participantes.

Así, o I Foro Atlántico da Gastronomía será o primeiro encontro de profesionais celebrado en Galicia onde chefs de prestixio internacional realizarán ponencias técnicas e demostracións comentadas. Esta actividade ofrecerá un espazo de debate para profesionais no que poderá participar o público asistente.

Ademais, no SHA estarán os mellores baristas (profesionais da preparación de cafés expresos e capuchinos) de toda España. Os baristas participarán nun concurso no que cada un deles terá que realizar un expreso, un capuchino e un cócktail da súa propia creación. Este será o segundo campionato destas características en Galicia e dará acceso ao Campionato de España a quen o gañe.

Por outra parte, o Salón organizarase como un espazo de interacción para diversas personalidades, investigadores e profesionais do sector, a través dunhas xornadas técnicas nas que se abordarán diferentes temáticas e proxectos.

Presentacións comerciais nunha sala acondicionada a tal efecto, un programa de catas comentadas por expertos en enoloxía e a concesión do premio SHA ao stand con mellor imaxe completarán as actividades paralelas desta IV edición do Salón da Hostelería do Atlántico.
Descargar todas as imaxes