Escoitar

O Eixo Atlántico celebra en Vila Nova de Gaia a súa XXIII Asemblea Xeral

A Axenda Estratéxica e as infraestructuras centrarán a atención dos representantes das 18 cidades que conforman a eurorrexión nun encontro que terá a cidade de Vila Nova de Gaia como escenario.

mércores, 7 feb 2007
1170842502gaia.jpg
Este venres, ás 9.30 hora portuguesa, a Casa da Presidencia de Vila Nova de Gaia acollerá a XXIII Asemblea Xeral Ordinaria do Eixo Atlántico do Noroeste, na que serán aprobadas as liñas estratéxicas sobre as que se van sustentar as actividades desta organización nos próximos anos. Así mesmo, está previsto que o Eixo Atlántico acometa a súa conversión en Agrupación Europea de Cooperación Territorial, converténdose nunha das primeiras AECT na Península Ibérica.

A asemblea terá como eixo de debate o Planeamento Estratéxico e nela vanse debater dous plans cruciais para o futuro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: a Axenda Estratéxica e a Estratexia de Intermodalidade.

O Eixo Atlántico é o único sistema urbano eurorrexional en Europa que conta con dous estudos estratéxicos (1993 e 2004). O último deles foi debatido no congreso celebrado en Ourense en marzo de 2005. Na actualidade, as directrices marcadas por este estudo foron concretadas en sete ideas operativas, que conforman a Axenda Estratéxica, traballo acometido por un grupo de expertos coordinado polo profesor Luis Domínguez da Universidade de Vigo e integrado polos directores do estudo estratéxico (Xosé M. Souto, Xoan Bouzada e Xulio Pardellas, da Universidade de Vigo, e António Figueiredo, da Universidade de Porto), xunto con Fernando González Laxe (catedrático da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta de Galicia), Martín Prado (profesor da Escola Técnica de Arquitetura da Universidade da Coruña e ex director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia), Luis Valente de Oliveira (profesor de Enxeñería na Universidade de Porto, actual vicepresidente da AEP e ex ministro dos gobernos de Carlos Mota Pinto, Cavaco Silva e Durão Barroso), Luis Braga da Cruz (actual presidente do Mercado Ibérico da Electricidade e antigo ministro de Economía do goberno de António Guterres) e Arlindo Cunha (presidente do Consello de Administración da Porto Vivo SRU e ex ministro dos gobernos de Cavaco Silva e Durão Barroso).

A Axenda Estratéxica ten por obxectivo o de converterse nunha folla de ruta para a cohesión interna do sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no novo período europeo de programación dos fondos 2007-2013.

Polo que respecta á estratexia da intermodalidade, está integrada por estudos que reflicten a especial atención que se presta desde o Eixo Atlántico ás infraestruturas como base do desenvolvemento do sistema urbano da eurorrexión. Son o estudo da implantación dun sistema aeroportuario común dirixido polo profesor Abel Caballero, catedrático de Economía na Universidade de Vigo; o estudo sobre a creación dun sistema portuario común dirixido polo profesor Fernando González Laxe, da Universidade da Coruña; a actualización do mapa de infraestruturas da eurorrexión e do sistema ferroviario interno, dirixido polo profesor Miguel Bugarín, catedrático de Ferrocarrís na Unversidade da Coruña, que analiza a necesidade de potenciar a rede ferroviaria interna e de cercanías. Ademais destes temas será abordada a análise da viabilidade da creación dun Consorcio Transfronteirizo de Transportes.

Por outra parte, na XXIII Asemblea será presentado o orzamento anual do Eixo Atlántico do Nororeste para o ano 2007, cun total de 1.768.000 euros, dos que un 86% son recursos externos procedentes de convenios e proxectos europeos.

A Asemblea vai contar coa presenza do secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras; da secretaria de Estado de Transportes do goberno portugués, Ana Paula Vitorino; da directora xeral de Transportes, Mar Chao López, e do director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Ramón S. Lueje.
Descargar todas as imaxes