Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado celebra o seu Encontro Lúdico

A Oficina Municipal de Voluntariado (OMV) celebra hoxe martes ás 10.00 horas o seu Encontro Lúdico, durante o cal se entregarán diplomas a todas as persoas que participaron nas súas actividades ao longo de 2006.

martes, 19 dec 2006
1166535462voluntofi.jpg
A Oficina encárgase da xestión dunha bolsa de voluntariado que conta con 487 persoas activas, das cales 173 se deron de alta ao longo deste ano, e 212 teñen destino actualmente dentro dos catro programas que está a desenvolver a OMV: Acompañamento a maiores, menores e discapacitados; Voluntariado Medioambiental; Apoio a entidades non lucrativas; e Voluntariado en actividades puntuais.

Durante 2006 a OMV levou a cabo actividades formativas tanto para persoas voluntarias como para entidades non lucrativas. O índice de participación dos/as voluntarios/as e das entidades foi elevado, e 167 acudiron a, cando menos, algún curso organizado pola OMV. Os cursos organizados pola OMV no presente ano foron os seguintes:

- 5 Cursos Básicos de Iniciación ao Voluntariado.
- Curso de Habilidades Sociais para Voluntariado.
- Curso de Voluntariado e Discapacidade.
- Curso de Comunicación nas Entidades de Voluntariado.
- Curso de Voluntariado en Servizos Sociais.
- Curso de Dinámicas de Grupo para Voluntariado.
- Curso de Elaboración e Xestión de Proxectos.
- Curso de Iniciación aos Primeiros Auxilios.
- Curso de Voluntariado en Medio Ambiente.
- Curso de Traballo en Equipo para Voluntariado.

Ademais destas actividades formativas, a OMV intenta que exista unha relación eficaz entre a Oficina e as distintas entidades de acción voluntaria coas que colabora. Así, cada mes organízanse xuntanzas coas entidades con estes dous obxectivos: por un lado, para que exista un intercambio de experiencias entre as propias entidades; e por outro, para que funcionen do mellor xeito posible os fluxos de información entre as entidades e a OMV, coa finalidade de que esta lles axude a coordinar mellor as súas necesidades cotiás.

Por outra parte, os voluntarios/as tamén teñen os seus momentos para o intercambio de impresións e experiencias relacionadas co desempeño do seu labor solidario, nas xuntanzas que se celebran tamén mensualmente. Por último celébrase un Encontro Lúdico anual no que se fai entrega dos diplomas de formación dos cursos oraganizados pola OMV ao longo do ano.
Descargar todas as imaxes