Escoitar

Aprobadas as tarifas do taxi e do autobús urbano para 2007

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns a revisión das tarifas de autotaxi para 2007, cunha suba do 7,48%. Tamén se modifican para o ano que vén os prezos do autobús urbano. O billete de Vitrasa pasará de 1 a 1,03 euros.

luns, 18 dec 2006
1166454056coellotaxi.jpg
Segundo anunciou o concelleiro de Tráfico, Antonio Coello, a tarifa mínima do servizo de autotaxi (por 1,8 km ou 5,10 minutos) será de 2,78 euros; 0,76 por kilómetro percorrido; 15,42 por hora de espera; 3,43 o suplemento por servizo ao aeroporto, 3,43 o de Cotogrande e 0,42 o de maletas.

Estas serán as tarifas aplicables aos días laborables de 6.00 a 22.30 horas. Para os domingos, festivos, o 24 e 31 de decembro, os sábados a partir das 15.00 horas e o servizo nocturno (de 22.30 a 6.00 horas), a tarifa mínima (1,2 km ou 3,26 minutos) subirá a 2,78 euros e o prezo por kilómetro percorrido será de 0,78 euros.

En canto ao Vitrasa, a nova tarifa de 1,03 euros por billete para 2007 supón unha suba do 3% con respecto á de 2006, inferior á do 5,26% rexistrada entre ese ano e 2005, cando o billete custaba 95 céntimos.

Exencións fiscais

Por outra parte, o Goberno local proporá ao Pleno un conxunto de exencións fiscais coas que se pretende favorecer a colectivos desfavorecidos, segundo explicou o concelleiro de Economía, Javier Guerra. O criterio establecido para obter estas vantaxes é o de ter ingresos inferiores aos 3.200 euros anuais. Este criterio xenérico correxirase para ampliar á axuda ás persoas que vivan soas e non cheguen aos 4.400 euros anuais e aos maiores de 65 anos con ingresos inferiores a 6.400 euros. As persoas que reúnan estas dúas circunstancias poderán beneficiarse desta medida ao contar con ingresos inferiores aos 8.512 euros anuais.

As exencións afectan aos servizos de documentos, cemiterios, lixo, inspección sanitaria e análises químicas, servizos sanitarios do Concello, desinfección, desinsectización, desratización, primeira etapa de Educación Infantil, instalacións do Instituto Municipal dos Deportes e ensinanzas especiais.

O Goberno local estima que estas exencións beneficiarán a 5.000 familias viguesas, cifra que pode supor un total aproximado de 15.000 persoas, de acordo cos cálculos de Javier Guerra.

Piscinas

Ademais, o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, anunciou a saída a concurso da xestión das piscinas de Barreiro e A Miñoca, cuns importes de 2,1 e 1,8 millóns de euros respectivamente para un período de 50 anos. Figueroa recordou que a xestión deste servizo suporá un "custo cero para o Concello", ao realizarse en réxime de concesión. O prazo para presentar ofertas é de 56 días.

Así mesmo, a Xunta de Goberno autorizou un gasto de 210.000 euros para a contratación do deseño, redacción, produción, subministración e instalación da sinalización turística da cidade.

Por último, aprobáronse as adxudicacións das obras de construción de beirarrúas na rúa Canteiros (40.000 euros), da subministración de gasóleo C para calefacción dos colexios e escolas públicas de Vigo (219.000 euros), e das obras de construción do palco de música de Navia e dos vestiarios do campo de fútbol de Fontáns (51.000 euros).
1166454056coellotaxi.jpg
1166454074xunta181206.jpg
Descargar todas as imaxes