Escoitar
Bando Mobilidade e Seguridade

Medidas previsorias co gallo das festas do Nadal

<br />

luns, 18 dec 2006
Por mor de facer máis doado a mobilidade de persoas e vehículos no núcleo urbán, co gallo das festas do Nadal compre ditar, como nos derradeiros anos, as seguintes medidas provisorias:

1.- Na zona urbana interior e nas rúas e vías do perímetro a seguir: Doutor Corbal, Buenos Aires, Travesía de Vigo, Aragón, Jenaro de la Fuente, Martínez Garrido, Estación de Autobuses, Arquitecto Palacios, Avda. de Castrelos, Alcalde Portanet, Avda. Citroën e circunvalación Oeste ata a zona portuaria de Bouzas, non se poderán realizar obras de canalización para servizos ou suministros, nin outros traballos de construción ou instalacións que afecten a vía pública dende as 24,00 horas do domingo 17 de decembro de 2006 ata as 08,00 horas do luns 8 de xaneiro de 2007.

2.- Con carácter xeral nas vías e espazos públicos do ámbito municipal sinalado e no devandito período de tempo, non se permitrán colectores de obra, sacos de entullos, maquinaria, casetas, valos ou calquer acopio de materiais, polo que os titulares dos mesmos e as empresas responsables dos traballos estarán obrigados á súa retirada e a repoñer de xeito definitivo, ou provisorio, se fora o caso, o pavimento e a sinalización coa limpeza das beirarrúas, calzada e espazos públicos afectados, para deixar expedito o libre tránsito de persoas e vehículos pola zona.

3.- Tódalas obras ou traballos en curso que afecten na actualidade as vías ou espazos públicos, que non poidan ser rematados na data indicada do 17 de decembro, terán que manter neste período do Nadal, o paso polo seu contorno, garantindo unha correcta sinalización para a seguridade viaria e circulación de persoas e vehículos.

4.- Calquer traballo de mantemento e reparación necesario nas vías ou servizos públicos, que o requiran durante estes días, poderán realizarse entre as 21,00 horas e as 09,00 horas do día seguinte, trala autorización expresa expedida pola Alcaldía e anuncio público.

5.- Durante as datas anteditas unicamente poderán ser atendidas, sen limitación de horarios, as emerxencias ou avarías que revistan carácter de urxencia. Cumprirá darlle coñecemento destas, cando se produza, á Policía Local, cando menos telefonicamente e deberase presentar no Concello, a través do seu Rexistro Xeral, e dentro das 48 horas seguintes, un dictame xustificativo da urxencia e alcance da avaría, subscrito polo técnico competente responsable da obra ou instalación afectada.

6.- Lémbrase tamén que están obrigadas todas as empresas constructoras a retirar da vía pública todos os materiais, taboleiros, valos, maquinaria, etc., dos edificios en construcción que non dispoñan dunha autorización expresa.

7.- O incumprimento destas normas dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador e imposición da multa na contía máxima establecida na vixente lexislación de réxime local, así como á inmediata paralización das que se inicien, sen prexuízo de calquera outra medida que proceda adoptar.