Escoitar

Volve a Vigo o xadrez de elite

Despois de anos de ausencia, o xadrez de elite volve á nosa cidade da man do torneo Cidade de Vigo, que se desputará no hotel-pazo Los Escudos mañá sábado. Cento vinte xadrecistas de diferentes países teñen confirmada a súa asistencia a este evento, organizado polos clubes Xadrez Galego e Xadrez Lucena coa intención de difundir este deporte desde a base como complemento para a educación.

venres, 15 dec 2006
1166190889xadrez151206.jpg
Ademais, outros 30 xadrecistas teñen solicitado participar no torneo e permanecen en lista de espera, feito que desborda as previsións máis optimistas da organización. "Estamos alucinados coa resposta dos participantes", asegurou hoxe venres o director de Xadrez Galego, Roberto Páramos, durante a presentación do evento. No mesmo acto, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, mostrou o seu desexo de que o Cidade de Vigo de xadrez "sexa unha boa experiencia para poder repetila".

A competición dará comezo ás 10.00 e finalizará ás 14.00 horas. Durante este tempo, cada un dos xadrecistas intentará superar unha serie de rivais para conseguir un dos 45 premios en xogo. Os xogadores dividiranse en dúas seccións, unha internacional, para os máis experimentados, e outra escolar, dividida á súa vez en cinco categorías de idade: sub 20, sub 16, sub 14, sub 12 e sub 10. Nesta última participará un total de 53 rapaces "que nos van volver tolos", segundo adiantou Roberto Páramos.

Os máximos favoritos na categoría internacional son o serbio Aleksander Strikovic e o arxentino Alejandro Hoffman. As principais figuras do xadrez galego estarán presentes tamén no torneo para dar mostra do seu nivel.

Ás 14.15 horas celebraranse a entrega de premios e clausura deste torneo, ao que o público poderá asistir gratuítamente.

O Cidade de Vigo de xadrez conta coa colaboración da Concellaría de Deportes, a Deputación de Pontevedra e do propio hotel-pazo Los Escudos, ademais da de varias firmas comerciais.
Descargar todas as imaxes