Escoitar

Este Nadal os nenos quedan con NaviCow

CowParade prepara o seu desembarco en Vigo cunha actividade previa para nenos e nenas a partir de catro anos. A NaviCow, como se chama esta iniciativa na que colabora a Concellaría de Turismo e Comercio, consistirá nunha carpa situada na praza de Compostela con cine, pintura, manualidades, contos e agasallos para os cativos do 22 de decembro ao 4 de xaneiro.

xoves, 14 dec 2006
1166099250cowparadenavi.jpg
Segundo explicou a concelleira Lucía Molares, o obxectivo desta iniciativa é "que os nenos e nenas teñan unha alternativa" durante as vacacións de Nadal, facendo posible ao mesmo tempo que os seus pais visiten as zonas comerciais con máis liberdade. Ademais, as actividades de NaviCow pretenden "concienciar os nenos e nenas para que respecten a arte sexa cal sexa o seu emprazamento e forma".

Para iso, un conxunto de monitores intentarán fomentar a creatividade dos pequenos facéndoos partícipes da exposición internacional que se poderá ver nas rúas de Vigo a partir de abril do ano que vén. Así, os arredor de 1.500 nenos e nenas que se espera pasen pola carpa de NaviCow intervirán no proceso de pintado de tres vacas de 2,20 metros e tres minivacas de 1,10 metros. Ademais, cada rapaz traballará cun caderno e unha camiseta para pintar e que levará consigo ao finalizar o seu paso pola carpa. Todo este material terá as vacas como motivo. Proxeccións de cine e sesións de contos a cargo dos monitores completarán o conxunto de actividades de NaviCow.

A carpa permanecerá aberta do 22 de decembro ao 4 de xaneiro, menos o 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, en dúas quendas: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Cada quenda estará dedicada a un grupo de 75 nenos e nenas.

CowParade é un movemento internacional consistente nunha performance composta por estatuas de vacas de tamaño natural, feitas de fibra de vidro e pertencentes a distintos modelos. Ao longo dos últimos oito anos, estas estatuas teñen dado vida a diversos centros urbanos de grandes capitais como Zurich, Chicago, Nova Iorque, Sydney, Barcelona, Lisboa e Londres. En 2007 será Vigo a única cidade española que acolla nos seus espazos públicos este evento cultural.
Descargar todas as imaxes