Escoitar

Corina Porro apela á unidade das administracións para acabar co "inferno" forestal

Corina Porro referiuse hoxe martes á situación creada estes días en Galicia, e de maneira especial na provincia de Pontevedra, polos incendios forestais. A alcaldesa recordou que o Concello de Vigo tomou medidas desde o primeiro día para colaborar con outras administracións e salientou o esforzo do persoal de Bombeiros, Policía Local, Protección Civil e do departamento de Medio Ambiente e Sanidade.

martes, 8 ago 2006
1155042154incendio080806.jpg
Corina Porro recordou que o Concello de Vigo tomou medidas desde o primeiro día, e que esas medidas están encamiñadas á colaboración coa Xunta de Galicia e con outros concellos. Fóra do municipio, os Bombeiros de Vigo realizaron desde o 4 de agosto 19 intervencións en 16 concellos. Protección Civil tamén se desprazou a distintos concellos e actuou nalgúns dos grandes focos, como Soutomaior, cun dispositivo de 3 vehículos.

A alcaldesa quixo agradecer públicamente a todo o persoal que colabora nestas tarefas o seu esforzo e o seu traballo, e comentou que esta mesma mañá, no transcurso da reunión de coordinación que mantén todos os días cos dous tenentes de alcalde, o responsable da Policía Local, o dos Bombeiros e o xefe de Sanidade e Medio Ambiente decidiran continuar coa total disponibilidade do persoal destes departamentos. No caso dos Bombeiros, a alcaldesa comentou que se suspendían os días de asuntos propios. Tomouse a decisión de que todo o persoal estea localizado e, se se dá o caso, suspendan as súas vacaciones.

A Policía Local mantén un dispositivo de vixilancia e control nos montes do municipio, e en Protección Civil están dispoñibles as 24 horas. No departamento de Medio Ambiente existe unha brigada forestal que desde o mes de xullo está a disposición da Xunta de Galicia e que estes días traballou en Cotobade, Soutomaior, Vilaboa e Nigrán.

O departamento de Medio Ambiente e Sanidade realiza a este respecto unha serie de recomendacións, xa que os niveis de partículas no ambiente son máis elevados que os habituais, e tendo en conta, ademais, que non hai ningún protocolo de actuación establecido para estes casos (si o hai, por exemplo, para os niveis de ozono elevados). Algunhas das recomendacións son as que seguen:

-Non realizar exercicio físico brusco ao aire libre
-Que nenos e maiores non se expoñan ao exterior
-Persoas con enfermidades respiratorias crónicas, como asma, bronquite, que procuren non exporse ao ambiente exterior

A alcaldesa recordou que o Concello mantén a situación de máxima alerta, prestando o seu apoio ao exterior e que dentro dos límites do municipio se manteñen medidas de prevención. "Galicia está vivindo un inferno", dixo.

Corina Porro non quixo entrar a valorar a xestión do Goberno da Xunta ante esta situación: "Neste momento, un momento grave, con perda de vidas, con situacións límite, o único que hai que facer é traballar, unir forzas para solucionar un problema. E iso é o que está facendo o Concello de Vigo e este Goberno", dixo.
Descargar todas as imaxes