Escoitar

O Concello pide a colaboración da Xunta na rehabilitación de Bouzas

xoves, 31 xan 2002
O Consello da Xerencia de Urbanismo decidiu solicitarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a declaración de Área de Rehabilitación Integrada para a zona histórica de Bouzas. Desta forma o barrio vigués beneficiaríase dos programas públicos dirixidos á rehabilitación de vivendas e de elementos urbanos de interese arquitectónico.

O Concello pretende que Bouzas poida acceder ás axudas previstas polo Ministerio de Fomento no Plan Cuatrienal de Vivenda e Solo para a rehabilitación de edificios e vivendas. Tamén poderían acceder a esas subvencións as promocións de vivendas de nova construcción suxeitas a algún rexime de protección pública.

O Concello está nestes momentos a tramitar o Plan Especial de Protección e Reforma Interior de Bouzas. Os redactores do Plan salientan a presencia neste barrio dunha arquitectura urbana de evidente interese e consideran que o 44% da edificación situada nese ámbito é susceptible de ser protexida pola súa relevancia patrimonial. No Plan inclúese un catálogo de protección patrimonial e programas de rehabilitacións de vivendas, fachadas e baixos comerciais que sería máis doado acometer se o barrio é declarado “Área de rehabilitación Integrada”.

Ademais da devandita declaración, o Concello vaise dirixir á CPTOPV para solicitarlle o seu apoio operativo ao proceso de rehabilitación da zona histórica de Bouzas.


Aprobado incialmente a ordenación da Baixada a S. Roque

O Consello da Xerencia deu a súa aprobación inicial ao Plan Especial de Reforma Interior IV-09 Baixada a S. Roque, que ordena urbanisticamente unha área de 28.000 m2 situada entre as rúas S. Roque, Faisan e Papuxa.

A ordenación aprobada prevé a prolongación da rúa Filipinas ata a rúa Faisán e a conexión da rúa Papuxa coa Baixada de S. Roque. O treito desta última rua que vai ata a estación de autobuses terá acceso restrinxido para residentes.

Nas zonas norte e oeste deste ámbito só poderán construirse vivendas unifamiliares. Na parte máis cercana á finca de S. Roque prevese edificación pechada de 3,4 e 5 alturas. A zona máis próxima ao Calvario terá edificación aberta de 10 alturas. A superficie reservada para zona verde é de 5 mil metros cadrados.

O Peri será posto a exposición pública antes da súa aprobación definitiva.